Praias

Agochadas e coquetas, grandes e maxestuosas, Cabo de Cruz ofrece un amplo abanico de posibilidades nas súas praias, que se atopan sen dúbida entre as mellores de Galicia. Praias ideais para todo tipo de deportes náuticos, como o buceo deportivo ou regatas de traíñas, cun clube puntero en Galicia e no territorio español.

  • Praia da Ladeira

Trátase dun areal virxe de sosegadas augas nunha zona de grande beleza pero menos descuberta aínda como reclamo turístico. Ideal para unha escapada do xentío dos grandes areais na época estival.

  • Praia da Ribeira Grande

Praia de tamaño intermedio situada no casco urbán do Cabo da Cruz, habitada maiormente pola xente da vila e do arredor.

  • Praia de Piñeirón e da Gaboteira

Trátase igualmente de areais urbáns de baixa ocupación. De augas tranquilas e area en bo estado de conservación.

  • Praia de Carragueiros – A Retorta

É o referente obrigado dentro da oferta dos areais do Cabo da Cruz. Trátase dun areal que supera os dous quilómetros de longo, aos que acompaña un paseo marítimo bordeando un mar de augas limpas e cristalinas. Está acondicionada con zonas de descanso, aparcamento, duchas, teléfono, posto de socorro, etc.

Unidos á praia por un corredor de area atópanse os illotes de Vos Baos, aos que se pode acceder en periodo de baixamar. Algo máis afastado da costa, penetrado xa no belísimo Mar da Arousa sitúase o illote da Bensa, ao que será preciso acceder en barco, dado que a distancia é excesiva.

Próxima á praia a Charca de Carragueiros regálanos a súa riqueza floral e faunística.

Praia de Carragueiros

Praia de Carragueiros

Unha das millores praias do Barbanza é a praia de Carragueiros. Esta praia mostra unha calidade suprema polos servizos que ofrece, pola súa situación, pola cantidade de aparcadoiros e chiringuitos que a rodean facendo dela unha paraxe obrigada para o turismo. Achegada tamén polo paraxe natural da charca de Carragueiros que fai un lugar agradable a visitar en calquera época do ano.

A praia de Carragueiros é unha praia situada en Cabo de Cruz onde cada ano se multiplican os bañistas e turistas que concorren durante o verán este lugar tan preciado que temos. Esta praia estivo marcada por un cambio que se manifestou xa fai tempo, e que dubido que moitos dos que hoxe asistides coñezades. Este cambio é a apertura da nova carretera frente á outra que ía todo á carón da praia cun anaco de asfalto, e o resto de area. Tamén se veu marcada polo novo paseo marítimo que nos permite acceder ó areal a pé. Esta praia conta coa bandeira azul dende hai xa uns anos polos seus servizos que alí podemos atopar como son: baños públicos, socorristas, acceso e aparcamento a minusválidos, etc.

Praia de Carragueiros

Praia de Carragueiros

A transparencia das súas augas fai desta praia un lugar ideal para o baño, onde os máis perezosos pola temperatura da auga non terán problema, xa que se atopa no interior da ría de Arousa onde a auga se atopa a unha temperatura agradable na meirande parte do verán. A limpeza do areal tamén se efectúa con periodicidade durante o verán para que teña unha area limpa, perfecta para a mellora da circulación e tratamento de problemas cardiovasculares.

Outro lugar natural por excelencia é a charca de Carragueiros. Un lugar cunha considerable diversidade de especies acuáticas, anfibios, aves e demáis animais entre a súa variada flora característica do lugar. Neste sitio poderemos ver os parrulos, para o que dispoñemos dun observador de aves e outros animais que se dan cita nun lugar tan natural como é a charca. A este maravilloso lugar adicarémoslle unha sección en canto nos sexa posible.

Se queres ver algo máis destes areais de perderse, podes ir directamente dende aqui.

  1. Non hai comentarios.
  1. Non hai trackbacks.