Turismo

  • Paraíso natural

A súa ubicación nun lugar privilexiado, bañado polo Mar da Arousa, cunhas augas que acariñan as costas da illa da Arousa e o Parque das Illas Atlánticas, fai desta pequena vila mariñeira un dos paraísos naturais das costas galegas.

As paraxes naturais virxes extendidas ao longo de todo o municipio de Boiro, ao que pertence Cabo de Cruz, presentan un contraste de belísimas paisaxes entre o mar e a montaña dada a súa ubicación na serra do Barbanza, que separa as rías de Arousa, Muros e Noia. Así, son numerosos os miradores naturais esparcidos polo municipio dende onde se pode admirar este fabuloso contraste.

A península do Cabo da Cruz é o referente obrigado do concello de Boiro, representa o máis destacado da costa deste municipio, conservando unha paisaxe natural de gran valor ecolóxico e paisaxístico.

A flora e a fauna que habita toda a serra do Barbanza acrecenta aínda máis o atractivo destas terras, visita obrigada para os amantes da natureza, que se presenta en estado puro para que poidamos admirala nos pequenos ecosistemas cos que conta o municipio; lagoas que presentan abundante flora e fauna.

Dentro da fauna destacan as aves, sobretodo tendo en conta a importancia destes lugares como lugar de aniñamento e cría de aves acuáticas, e non hai que esquecer a grande variedade de especies anfibias, de réptiles, peixes e mamíferos que conviven nas lagoas.

En canto á flora é de gran riqueza tódalas posibilidades que ofrecen as charcas, albergando especies vexetais que viven sobre a auga e aqueloutras que podemos atopar nos arredores. A lagoa ou charca de Abanqueiro, e a lagoa ou charca de Carragueiros, esta última no Cabo, son exemplos destes diminutos ecosistemas que nos regala a natureza.

  • Vivir no Cabo da Cruz

Situado no suroeste da provincia, na maior e máis bela ría galega, o Cabo da Cruz presenta unha privilexiada situación de destino turístico. A súa oferta cobre as máis estritas esixencias de calidade e interese.

As súas praias de esmerada calidade e limpeza, para todos os gustos, un clima bondadoso, tradición e natureza conxúganse nesta península do Mar da Arousa para ofrecer multitude de razóns para que te quedes, ou para voltar; paraxes naturais de grande sutileza, praias e miradores onde admirar a beleza destas terras do Barbanza, así como as actividades, eventos, festas de gran interese para dar a coñecer a cultura desta terra, a súa gastronomía e as súas xentes afables afeitas a acoller ao visitante.

O Cabo, conta hoxe en día con todos os ingredientes idóneos propios dunha oferta turística variada e de calidade. As infraestructuras de lecer sufriron unha considerable mellora; o litoral, o seu máis prezado patrimonio natural, cóidase coa maior atención e esmerado coidado, así mesmo o contorno urbán mellórase en aras do ben común.

  • Festas da Vila

As festas maiores patronais, na honra á Virxe do Carmen , xunto ás numerosas celebracións que se desenvolven ó longo do ano supoñen un atractivo importante para aqueles que visitan o Cabo da Cruz, e un merecido descanso e goce do tempo de lecer para os seus veciños.

O 16 de Xullo celébranse as festas nas que se honra á Virxe do Carmen, patroa dos mariñeiros, tendo como acto central a tradicional a procesión marítima e a misa de campaña. A Virxe percorre parte do litoral acompañada por centos de devotos nunha das máis singulares expresións de fervor relixioso.

Durante o transcurso do paseo marítimo da Virxe celébrase unha ofrenda floral en memoria dos homes e mulleres falecidos no mar.

A finais de verán, o día 8 de setembro, celébrase a Romaría do Castro, unha tradición recuperada fai uns anos, aínda que antigamente era unha cita obrigada para os crucenses, esta ancestral tradición ficou no esquecemento para agora voltar con máis forza e atraer a atención dos veciños e numerosos visitantes que gozan da xornada festiva. As tradicións populares, bailes e xogos acompañan na programación a degustación dunha atraente pulpada e a culminación das celebracións cunha animada verbena.

  • Seccións de turismo de Cabo de Cruz:

- Praias: Tódalas praias de Cabo de Cruz

- Como Chegar: Información de como chegar a Cabo de Cruz.

- Onde Durmir: Hostales, hoteles, e casa de aluguer onde poder aloxarse.

- Bares e Restaurantes: Sitios onde poder comer ou tomar unhas copas.

- Qué visitar: Lugares con encanto para perderse.

- Servizos: Tódolos servizos que ofrece Cabo de Cruz.

- Rueiro: Tódolos recuncho de Cabo de Cruz a un só click.

- O Tempo en Cabo de Cruz: Información meteorolóxica de Cabo de Cruz.

Artigos relacionados :