Sigue nuestro Feed RSS   CabodeCruz en Facebook   CabodeCruz en Twitter  
Nov
07

O Alakrana

atunero-español-alakrana

É moi triste que a sociedade teña que chegar a estes extremos. Esta tarde vai ter lugar en Vigo unha manifestación en favor das vidas dos secuestrados polos piratas somalíes no Océano Indico. Os concellos de Ribeira e de Boiro teñen autobuses á disposición dos cidadáns para que poidan acudir a dita manifestación. Sairán ás catro da tarde da estación de autobuses de Ribeira, e ás catro e media da Praza de Galicia de Boiro.

Tócanos a todos, e moi de preto, pois o boirense Antonio Manuel Pérez Fernández e mais José Manuel Crujeiras de Aguiño están dentro dese barco cunha arma de fogo a menos de dous metros deles apuntándolles constantemente. É moi duro estar nesa situación cando para os seus verdugos non vales nin un cacho de pan. Estamos a falar de máis de trinta vidas humanas que no seu día tiveron que embarcar para darlle de comer ás súas familias. Isto non é unha broma, nin un negocio de información nin moito menos.

É ridículo como o goberno español destina soldados a Afganistán de onde algúns deles veñen nunha caixa coas mans no peito, e temos ós nosos mariñeiros á deriva dos piratas que actúan ás súas anchas por un mar inseguro. Non fai máis de dous meses saía na televisión un documental dun xornalista en Afganistán coas tropas españolas. A duración da estancia en país oriental era dunha semana. Pois ben, as forzas de seguridade españolas tan só permitiron que os xornalistas pasasen vintecatro horas con eles, e o resto do tempo pasárono cos talibáns que dominan un 80% do territorio afgano.

Por qué este encubrimento? A quén protexemos nese país? Realmente estamos levándolles magdalenas, ou están loitando e saíndo cada día os nosos soldados co medo no corpo? Señora Carmen Chacón, queremos transparencia! Por qué eses soldados non os embarcan nos barcos de pesca para defender ós nosos mariñeiros? O exército para qué está? Para defendernos ou para ir ós países en supostas misións de paz?

Cantas preguntas para un só goberno, e as que debedes de ter os lectores… É moi complicado estar nunha casa sen saber nada do teu home, do teu pai, do teu irmán. Tan só dicindo que «están ben». Pero, quén está ben nunha situación coma esa? Durmindo no chan e apuntados en todo momento por persoas que non che entenden e para as cales non es máis ca unha moeda de cambio.

O goberno negouse a trocar os dous piratas detidos polos nosos trinta e nove mariñeiros. Qué vale máis, a vida de dous piratas que o máximo que lles vai pasar é que os esteamos a manter en cárceres españolas, ou a vida de case corenta homes que honorablemente tratan de gañalo pan? Goberno do señor Zapatero, actúen XA! Isto non se pode consentir, fágano coa maior sutileza e cautela posibel, pois apretar un gatillo tan só leva un segundo.

Era lamentable no día de onte escoitar a unha muller á que lle dicía o seu home que en tres días ían comezar a matalos, que faga ruído, que non se cale, que loiten por eles, e todo iso co corazón nun puño e coas bágoas escorregando pola faciana. É moi duro.

Para tódolos familiares que saibades que o pobo do Cabo da Cruz, e os administradores de CaboDeCruz.Net estamos convosco, nunca ides estar sos. Dende aquí queremos mandar o maior apoio posible ós mariñeiros e a todos os que estades preto deles e nunha situación similar, para que isto NUNCA MÁIS volte acontecer.

Agardo que todos mostredes aquí ou onde sexa o voso apoio a esta xente que no día de hoxe e nos vindeiros días, de seguro han ser os máis duros das súas vidas.




Artigos relacionados :

• Noticias relacionadas en: Notas de prensa, Novas

Recibe tódalas novas no teu correo: