Historia

Toda a historia de Cabo de Cruz. Dende as orixes ata os nosos dias.

A historia do Cabo da Cruz está unida inexorablemente ó mar. No século XVII comezan a desenvolverse grandes campañas de pesca da sardiña que impulsan a industria do salazón, e son o estímulo principal do despegue desta pequena poboación pesqueira, que acadaría no século XVIII grande relevancia en capturas de exemplares da sardiña. Dende o século XVIII ata os nosos días, as industrias pesqueiras supoñen a principal actividade e sustento económico da poboación.

  • Historia da “Parroquia do Castro” á que pertence a vila de Cabo de Cruz.

Hai varias especulacións sobre a orixe da “Parroquia de Santa María de Castro“, unha delas conta que en abril do ano 1640 un grupo de veciños da “Insua de Abaixo” solicitoulle licenza ó Arzobispo para construir unha ermita baixo o nome de “Nuestra Señora de la Natividad”. Sen embargo pode ser que que ésta fora anterior ó 1600, xa que hai constancia do encargo dunha cruz de prata para unha igrexa no ano 1574 que se chamaba “Iglesia de Santa María de Castro” por parte do seu párroco, Juan Yañez de Parga. Ademáis ó parecer, ese encargo levaba consigo unha restricción por parte do arzobispado a cal dicia que non se podían celebrar enterros ou bautismos, autorizando oficialmente a prerrogativa de poder dicir Misa os días festivos.

Duas particularidades máis son as de que hai constancia de enterramentos anteriores a 1929 no camposanto do Castro, co que ven puideran ser sen permiso do arzopispado.A outra é que existe unha rocha chamada “a pedra da cruz” na praia de Rebordelo que ten un orificio donde os mais vellos do lugar din que alí había unha cruz, e nela facíase unha parada para rezar cando se levaba un cadaver a enterrar a Boiro. De ser certo, podemos ver oxe en día como o nivel do mar subeu, posto que antes había camiño onde hoxe hai praia sumerxida.

O prestíbero don Francisco Vázquez Somoza, axudado por varias familias da “Insula”, conseguiu grazas a que o  Cadernal Payá Rico calificou de “Ayuda de Parroquia” á Capela do Castro. Ainda que houbo que esperar a 1929 para que a capela do Castro ascendera canónicamente de “Ayuda de Parroquia” a “Parroquia” grazas ós trámites do coadxuntor don Manuel Otero e dos veciños. Deste xeito tan singular, nace “Santa María de la Natividad del Castro, de Cabo de Cruz”.

O carácter marítimo da nosa vila, xunto coa devoción á Vírxen do Carme, empuxou ós veciños a construcción da Capela do Carme no ano 1960, sendo vendecida polo Cardenal Quiroga Palacios.

Texto orixinal en cabodecruz.org

  • Loureda, por Antón Vidal

Neste breve traballo, imos falar sobre unha cuestión que afecta ó pasado do noso Pobo: ¿Loureda era un nome normal do noso pobo? ¿Estaba este nome documentado ou só era unha denominación que os pobos dos arredores usaban de maneira despectiva para referirse ós veciños e veciñas do Cabo da Cruz?

A primeira proba da normalidade e legalidade do nome de Loureda déunola a existencia dun letreiro que estaba na parede da casa dos de Adolfo de Ríos. As persoas que lembran o letreiro non coinciden de modo exacto no texto: uns dín que poñía LUGAR DE LOUREDA e outros que poñía LUGAR DE LOUREDA – PESQUEIRA.

A consulta e análise de documentos tales como operación de compra-venda, deslinde de leiras, demandas xudiciais, embargos, tomas de posesión e outros, permite afirmar que Loureda era un nome normal e normalizado no noso pobo e que convivía ca denominación de “Cabo de la Cruz”, nome éste máis amplo que comprende ós demáis lugares do noso pobo.

As referencias e citas testuais de Loureda aparecen no encabezamento dalgúns dos documentos: “En el lugar de Loureda Partido de la Insua a los cuatro días del mes de Junio del año de mil ocho cientos veinte y ocho…”. Esta é a data máis antiga na que aparece o término de Loureda nos documentos estudiados e aparece escrito en dezaoito máis entre tódolos examinados.

Lembramos tamén que neses anos, o noso pobo pertencía ó “Partido de la Insua, Jurisdición de Rianjo, Parroquia de Santa Eulalia de Boiro” tal como se cita nun documento datado do 24 de febreiro de 1830.

O nome de Loureda déixase de usar nos documentos a partires do ano 1884. A última cita é nun documento datado do 14 de febreiro de 1884 donde aparece xunto con Cabo de Cruz, pero por separado: “En el lugar de Loureda, parroquia de Santa Eulalia de Boiro…”. Nos documentos dos anos seguintes cítase case sempre a Cabo de Cruz.

Aínda que nos documentos non se sigua usando a denominación de Loureda, na fala pervive durante moito tempo, ata que se perde aló polos anos coarenta como consecuencia da forma despectiva ca que a xente dos outros usaba o xentilicio “louredán” e que levou ós veciños de Loureda a renegar deste nome.

Hoxe, uns poucos veciños e veciñas de Loureda cremos que se debe usar e usamos este nome con agarimo e respecto a unha parte da nosa historia como pobo.

Por Antón Vidal Ssocaire núm.9

  • Historia e ocupación territorial de Cabo de Cruz

Hai cinco etapas principales na ocupación territorial de Cabo de Cruz, dende a idade de Ferro ata os nosos días:

  1. Existe constancia da existencia dun castro da idade do Ferro na zona da península do O Campo (zona de O Achadizo), que polas análises do concheiro atopado, tiña certa importancia. Este recinto fortificado da Idade de Ferro pertence ao tipo de castros denominados costeiros. A súa aparencia está moi desfigurada polo barrio construído sobre gran parte do xacemento. Parcialmente escavado en 1992, sacáronse a luz varias esculturas arquitectónicas de carácter habitacional e resto da muralla pétrea. Estes vestixios foron consolidados, sinalizados e integrados nun área pública de esparexemento.
  2. Abandoado este emprazamento, o segundo núcleo desprázase 500m ao norte, formando a aldea da Pesqueira, xunto con outro núcleo menor cun casarío vinculado á denominada “A Torre de O Petón” (posiblemente medieval), a 300m ao leste da aldea anterior.
  3. Co comezo de industrialización de finais do S. XIX e a construción das fábricas de Curbera no borde marítimo (oeste do alto da Perguisa) desenvolveuse un viario pola costa no cal se comeza a construír a ambos lados, situando a capela do Carmen a medio camiño entre a aldea de Pesqueira e a fábrica de Curbera.
  4. O seguinte paso é o crecemento que, a partir dos anos 30, se sitúa a o longo da estrada a Boiro (CP-1105) sobre a ladeira sur da Perguisa (cara ao porto vello), culminándose nos anos 50 do século pasado cunha actuación unitaria de vivendas unifamiliares na zona de O Campo, sobre o antigo castro.
  5. Potenciado polo crecemento da actividade mexilloeira e conserveira (implantáronse dúas novas conserveiras), e vinculado ás sucesivas ampliacións do porto nos anos 70 e 90, o núcleo comeza expandirse a través da CP-1105 con bloques plurifamiliares de 4 plantas que desvirtúan a forma tradicional de construción. Este desafortunado crecemento agrávase a partir da construción dos viarios á praia de Carragueiros nos anos 1994 a 1996, que unidos á esaxerada construción desta última década, leva a finalización dunha forma de construír adaptada ao contorno substituíndoa pola simple volumetría especulativa, sen ningún espazo público nin viarios con lugares de relación social e cunha degradación total da liña do ceo clásica do núcleo (existen varios bloques de 4 plantas no medio de vivendas unifamiliares) resultando dunha incapacidade de xestión das autoridades competentes.

Por Roberto M. Chao Gavilán, no libro “Policromía urbana de Cabo de Cruz”

Artigos relacionados :