Sigue nuestro Feed RSS   CabodeCruz en Facebook   CabodeCruz en Twitter  
Ago
19

Exaltación do Mexillón de Cabo de Cruz

mexillon

Se aquí hai algo, iso son festas. Festas do Carmen, festas do Castro, festas de San Xoán e como non podía ser doutro xeito: a Festa do Mexillón. A festa gastronómica por excelencia da nosa vila onde se poderá degustar un producto típico noso, un producto do mar, un producto que nos identifica máis aló das nosas fronteiras.

A festa terá lugar entre mañá sábado día 20 de agosto e domingo día 21. Na primeira xornada desta festa, o mestre Uxío Labarta ofrécenos unha conferencia sobre o mexillón titulada Mexillón: bateeiros e vento. De cara ás 11 da mañá haberá rutas marítimas pola ría a cargo da empresa Caminando por el Mar. Logo, ás 12, o mago Tanito fará uns trucos de maxia para os máis curiosos que se queiran achegar, pero non será ata a unha da tarde cando se comezarán a servir as racións do producto da festa polo prezo dun euro.

Pola tarde, a iso das cinco faránse dúas paellas xigantes e para os máis pequenos haberá festa da espuma, colchonetas e espectáculos de animación infantil. Ás 20.00 horas do día comezará o típico concurso de elaboración de pratos e receitas que teñan como mexillón o ingrediente base, organizado pola Unión. Dalí a unha hora, o Máxico Brais fará a súa actuación Sonrisas Máxicas.

A degustación das paellas feitas á tarde será ás dez da noite a prezo dun euro por ración, pero tamén se volverán a servir mexillóns para todos. Os grupos Reflejos e Mar Davila serán os encargados de amenizar a verbena.

O domingo xa remata a festa, pero ás 11 será a Bandeira Feminina de Traíñas no porto de Cabo de Cruz e media hora máis tarde terá lugar a Bandeira de Traíñas do Concello de Boiro. A degustación dos mexillóns comezará ó redor das 12 do mediodía, cando actuará tamén a banda de música de Boiro.

Ó marxe das cousas que pasarán no muelle, haberá o Roteiro do Mexillón, do que se poderá disfrutar en diversos locais da vila de Cabo de Cruz como poden ser: o Mavi, o Texano, a Abadía de San Enrique, o Centro, os Xubilados, o Malecón e o Esteiro.




Artigos relacionados :

• Noticias relacionadas en: Festa do Mexillón, Festas

Recibe tódalas novas no teu correo:


  • Mary Hermo

    Todo un éxito pola asistencia de visitantes, e a miña noraboa ao Clube de Remo pois gañou tanto na regata masculina como na feminina.

    Debo dicir que o problema de aparcamento para os veciños do Campo foi un tanto nefasto pois tivemos 3 días sen poder aparcar os nosos vehículos e iso non foi o malo, o peor foi que o venrés pola noitiña e o sábado estiveron aparcando os visitantes que acudían á cita da paella e demáis eventos, apesares de que estaban postas as correspondentes sinalizacións de prohibido estacionar e a sinalización para a zoa de estacionamento, o sábado apesares de que algúns veciños lles explicaban os visitantes que estacionaban os vehículos que estaba prohibido e cara onde tiñan o estacionamento estes contestaban mal, pero o sangrante foi que apesares da sinalización e da gran afluencia de visitantes non existía ningún tipo de vixilancia por parte dos efectivos de seguridade pública, incluso eu mesma quedei atrancada por algún vehículo que estacionou nunha zona con sinalización de prohibición de estacionamento con liña amarela (isto sucedeu o sábado pola noite tendo que chamar por telefono ao móbil da policia local de Boiro e saíndome directamente a Guardia Civil que non puideron acudir ao lugar dos feitos para sancionar ao vehículo e tan só localizaron por telefono ao propietario para que este o retirara e así eu coa miña cadeira de rodas puidera salir daquela encerrona). Pero en cambio no domingo, día grande da exaltación, estiveron os medios policiais para evitar conflictos.

    Así que teño que dicir que espero que para o vindeiro ano cando se celebre a X Exaltación do Mexillón haxa vixilancia policial durante todos os eventos e que non so haxa vixilancia policial cando veñen os grandes politicos no día grande a exaltación, pois os que vivimos aquí todo o ano non queremos vernos na mesma situación todos os anos.

  • Xoan

    Ola Mary, parece ser que a festa do mexillón foi todo un éxito en afluencia de xente, xa que falei con alguén que estivo servindo e dicía que aquelo era algo fóra do normal (cousa boa para a organización). E polo da Policía Local, dicirche que non te molestes en chamalos, pois están todos de baixa, salvo dous ou tres (con sorte), asi que non creo que acuda ninguén a unha chamada, pois o concello está desprotexido cun servizo que pagamos todos e todas e que brilla pola súa ausencia.
    E con respecto á Garda Civil, diriche tamén que si foras a algún bar da zona veríalos a todos na barra tomando a súa consumición, que así é como traballa algunha desta xente. Paréceme totalmente nefasto e lamentable entrar a un bar e ver a unha morea de individuos en horas de traballo tomando algo e de cháchara, namentres que hai xente á que lle fai falla a súa actuación e teñen que agardar a que esta xente remate o seu tempo de traballo-ocio. Dicirlle tamén que hai que ter un mínimo de vergoña, polo menos de cara ó público e á xente que che está pagando o teu «traballo».
    E con respecto á organización, que poñan máis efectivos de seguridade para que a festa do mexillón non se converta nun enfrontamento entre veciños e turistas, xa que isto debe ser algo beneficioso e non perxudicial.
    Agardo que todo se amañe do mellor xeito posible e que a xente entenda que nos sitios onde se poida facer algunha festa, tamén hai xente que vive alí e que ten dereito a aparcar o seu coche e a vivir decentemente no lugar que lle toca.
    Sen máis, un saúdo e grazas pola visita Mary, saúdos a todos!