Sigue nuestro Feed RSS   CabodeCruz en Facebook   CabodeCruz en Twitter  
Mar
22

Entrevista persoal a Carlos Rodríguez Muñiz

Todos puidechedes ver fai uns días a entrevista dun xornal que colgamos aquí nesta web, pero como nos parecía que había algo que nós tamén queriamos saber, pois decidimos por facer algo así. O primeiro foi contactar co entrevistado para pedirlle unha entrevista á cal aceptou de grande gusto, e logo soltar as nosas preguntas, algunhas delas importantes para o Cabo da Cruz, outras para a nosa xuventude. Aquí vos queda algo do que non debemos desbotar nin unha palabra. Para CaboDeCruz.Net: Carlos Rodríguez Muñiz:

Aquí temos a Carlos Rodríguez, un home do concello de Boiro que ten varias marcas na súa vida. Leva a empresa da súa familia e tamén é presidente da Asociación Boirense de Empresarios, entre outras cousas. Nada menos para unha persoa. A súa afección á música fixo deste home un home de traballo, pero tamén de festa, é certo iso?

Non sei si se pode decir así pero o que sí é certo e que acudo presto á chamada dun amigo gaiteiro ou mesmo ás convocatorias que, polo miudo, levan a cabo os meus amigos e que case sempre rematan en cantata. Decir que, como estarán pensando aqueles que coñezan ó meu pai, a xenética manda.

Pero, para comezar, Cómo se chega a ser empresario e presidente dunha asociación coma a ABE, é cuestión de sorte, de formación, vai na persoa,…?

Inda que pareza unha obviedade, a condición indispensable para ser empresario é propoñerseo. Sin embargo, no meu caso en particular, cando naces na empresa e a vives día a día tés moitas posibiliades de acabar sendo empresario. Cando, ademáis medras no medio dos atobúses, e preto dos viaxeiros, tes outras tantas posibilidades de acabar convertíndote en empresario do sector do transporte de viaxeiros. Como todos os que nos adicamos a esta profesión sabemos, este é un modo de vida. Polo demáis a ABE chego nun momento no que a asociación, a criterio da maioría dos socios, tiña adquirido unha deriva que se entendía perxudicial para éstes. A partires daquí propónseme a mín a responsabilidade de asumir a presidencia e trazar novas liñas que, ademáis de consolidar o nivel de influencia e prestixio que a entidade ten na sociedade boirense, permitan subir un peldaño no que a servicios se refire. Que desempeñar o cargo sexa unha cuestión de sorte cando tes que adicar moitas horas sisadas á túa empresa e á túa familia de xeito non retribuido é, cando menos, discutible. ¿A parte boa? Comprobar que con ideas, ilusión e traballo como verdadeiros factores desencadeantes do éxito, un equipo de xente é quén de acadar obxetivos ambiciosos que acaban aportando solucións ós problemas que se nos plantexan. Non creo na sorte como factor que posibilita o éxito profesional. No mellor dos casos ten un papel residual.

Dirixindo unha empresa de transporte, vostede é dos que fai uso do transporte público, ou ben opta pola comodidade do vehículo particular?

Polas miñas necesidades de mobilidade véxome obrigado ó uso de vehículo particular máis do que quixera. Sen embargo, as miñas fillas son, dende que naceron, asíduas usuarias da línea do Cabo. En calqueira caso, gustaríame facer unha corrección: o vehículo particular, por moitísimas razóns, non aporta comodidade. O que sí aporta é liberdade.

En qué cre vostede que se mellorou no sector dos servizos da comarca, qué falta por facer, e cara onde van a súas expectativas de futuro?

Na miña opinión o nivel de profesionalización e de calidade do sector servicios experimentou un considerable avance na comarca. É xusto decir tamén que a marxe de mellora era ampla e que inda queda camiño por andar. Por outra parte, resulta reconfortante comprobar como van xurdindo iniciativas empresariais relacionadas coa industria cultual ou mesmo co turismo. Un sector, éste último que, dado o seu escaso nivel de desenrolo, precisa do investimento público para implantarse e consolidarse como verdadeira industria que contribuia á diversificación e por tanto fortalecemento da economía da bisbarra. ¿Porqué non un edificio multiusos que posibilite a celebración de congresos, feiras ou mesmo concertos?

Pasando xa a algo máis local, algo do Cabo da Cruz, qué sectores son os que lle fan falla ó Cabo para avanzar un paso máis no ámbito industrial? Qué novas alternativas de empresa serían viables na nosa vila?

Por ir ó inmediato e, de cumprirse o proxectado, Cabo de Cruz está en vías de contar co que será o segundo porto deporivo da Ría de Arousa por número de amarres, só por detrás de Vilagarcía. Non teño a menor dúbida de que ésto significará un antes e un despois para economía local e atrévome a decir que suporá unha transformación para o pobo. Unha coidada industria do turísmo náutico constitúe unha interesantísima alternativa económica á que se lle augura un gran futuro. Debemos estar atentos e tomar iniciativas antes de que veñan de fora.

Para a xuventude, para eses mozos e mozas que agora están na adolescencia e teñen que decantarse, vostede é dos que pensa que os ciclos de formación profesional teñen máis saída ca unha diplomatura ou licenciatura nestes tempos de crise?

Eu son dos que penso que á hora de decantarse, débese buscar unha conciliación entre a vocación, o que se traducirá en profesionales cualificados, e as posibilidades de colocación laboral con arreglo á oferta de emprego e o ámbito xeográfico no que se produce. Parece obvio que a formación profesional está aser a filla dun deus menor dentro do sistema educativo. Sin embargo entendo que non debe primarse ésta en perxuicio de ningúnha outra titulación senón que, baixo o meu punto de vista, débese desenrolar unha oferta formativa adaptada ás necesidades do tecido empresarial dunha comarca determinada. Esto vai a traducirse en posibilidades reales de colocación dende o punto de vista laboral, e en man de obra cualificada que permitirá ás nósas empresas gañar competitividade.

En breves palabras, anime e déalle tres ou catro pinceladas ós mozos e mozas do concello para que se formen e se centren nos estudos:

Do nóso nivel educativo e formativo depende de xeito absoluto o desenrolo dun país. Existe una relación de causalidade entre éste e as melloras económico sociais que una sociedade logra acadar. Pero, por personalizar no individuo, resulta a forma máis directa de conseguir proxectos vitais.

Sabe coma min, Carlos, que no Cabo da Cruz temos de todo: enxeñeiros, informáticos, arquitectos, médicos, empresarios, directores de negocios importantes, etc. Con toda esta materia e fornada de xente competente, cómo pensa vostede que esta xente pode quedarse a traballar sen ter que marcharse das súas casas?

Antes decía que no momento en que un se decanta por unha formación determinada sabe con certa aproximación as posiblidades que ten de desenrolarse profesionalmente no ámbito local. Se optas pola enxeñería aeroespacial e, como sería lóxico, pretendes desenrolarte profesionalmente nela, tes moitos boletos para acabar noutro continente. Se o prioritario é permanecer no ámbito xeográfico no que residimos, o recomendable, como xa dixen, e facer unha análise da oferta profesional local ou comarcal. Claro que tamén está a posibilidade de emprender o teu propio proxecto empresarial que, hoxe máis que nunca, relega o factor de ubicación a un segundo plano.

Cándo chegará o concello de Boiro a dar cabida a toda esa xente nova que remata unha carreira e que ten que irse da súa casa para atopar un traballo estable e ben pagado?

A verdade é que, vendo o panorama nacional, sin caer no conformismo, a cousa en Boiro non pinta tan mal en xeral. Certo é que a renta galega é das máis baixas de España, pero non é menos certo que o custo da vida non é o mesmo ca o da meseta, Cataluña ou o Pais Vasco. De calquera xeito as cousas non ocorren porque sí. De nós depende cambia las cousas.

Vímolo moi activo nun tema que a CaboDeCruz.Net lle deu bastante auxe: os pasos elvados. Tamén o vimos participar na manifestación. Déanos a súa opinión sobre este tema, e sosteña esa opinión con tres ou catro argumentos sólidos.

Como calquera crucense sabe, á concesión que a nósa empresa explota dende Cabo a Escarabote aféctalle de xeito moi sensible. Pénsese que o bus chega a pasar 34 veces por día por riba de cada un dos pasos elevados. É decir, un total de 340 subidas e baixadas ó día. Non me parece necesario que á luz deste dato sexa necesario falar do que supón desde o punto de vista do consumo, das avarías mecánicas ou do confort do viaxeiro. Pero máis aló dos intereses particulares e, como nón, públicos pola natureza do servicio, están as cuestións legais. Non sei que opinará o parlamento europeo acerca do uso que se fai dos fondos comunitarios dedicados á eliminación de barreiras arquitectónicas namentras que as persoas con movilidade reducida non son capaces de circular 50 metros seguidos por unha beirarrúa. Por outra parte, as características dos pasos instalados incumpren a normativa de Fomento e fanno de xeito deliberado porque así se lle fixo saber ó arquitecto municipal ó principio da obra sin que asumiran o erro. Como xa dixen en outras ocasións, non pode pagar un pobo enteiro a penitencia que lle corresponden a quen non observa o cumprimento das normas, máis si existen medios para evitalo como é o caso.

É frecuente a pregunta destes tempos: Qué hai que facer para saír da crise? Ten vostede algunha fórmula? Cándo sairemos?

Cando no Foro de Davos, no que se reúnen as eminencias da economía mundial, non foron quen de preveer a chegada nin a forma de saír da crise, parece un tanto pretencioso que un modesto empresario do transporte poda facer algún tipo de recomendación. Teña ben seguro que si eu tivera a fórmula non sería o presidente da ABE senón dos Estados Unidos de América.

Bueno, para rematar penso que non me queda así moito no tinteiro, pero… Hai algo que vostede queira respostar do que eu me esquecín preguntar?

Séguro que poderíamos estar falando un bo cacho máis dalgúns outros temas que nos afectan. Si lle parece, acabamos de arreglar o país outro día.

Sendo así, estamos moi ledos de que se prestase a esta entrevista da que todos podemos sacar boa información e da que sempre se aprende algo novo. Agardamos velo sempre por CaboDeCruz.Net para que nos dea as súas opinións e se anime con algún artigo.

Moitas gracias Carlos, siga así.




Artigos relacionados :

• Noticias relacionadas en: Cultura, Novas

Recibe tódalas novas no teu correo: