Entrevista a Juancho Armental

Foto de C. Queijeiro
Hoxe esfollando a Voz, vin unha entrevista a un deportista recoñecido na comarca polo seu afán de superación, de retos e obxetivos a bater e outras moitas cousas. Trátase de Juancho Armental. Pero sen dúbida, o que marca a este tipo de xente é a superación, a eliminación de barreiras, o «erguerse tras caer unha e outra vez«. Por iso mesmo queremos que polo menos leades nestas verbas, como é a mentalidade dun deportista de élite da que podemos sacar conclusións para a vida mesma.
Sen máis, a entrevista:
Juancho Armental é un galego de bandeira, non só porque os seus retos deportivos son propios do mesmísimo campión de España David Meca, senón que ademais se encarga de reclamar o lugar que lle corresponde ao deporte galego no mundo.
-Está preparando de novo a travesía Sálvora-Barraña, ¿como se atopa ao volver a enfrontarse a este reto?
-Estou moi motivado, os retos están para conseguilos e se un se resiste o que hai que facer é collelo con máis forza. Ademais, xa levo un tempo preparándome, e segundo pasan as semanas, anímome máis.
-¿Cantas horas adestra ao día?
-Adoito adestrar todo o que me permite o meu traballo. Agora no verán teño un pouco máis de tempo, hai menos xente nas empresas e teño un respiro. Adestro seis días á semana, e fago dúas sesións, unha pola mañá e outra pola tarde.
-Cando unha persoa non consigue algo réndese, vexo que non é o seu caso.
-Para nada. Ademais, se non o conseguín a primeira vez foi porque non fixen as cousas de todo ben, ao mellor o mar non estaba no mellor momento, e eu tampouco estaba ao cen por cento. Hai que mirar adiante e non coller medo a nada.
-Falar así non é doado, ¿dáse conta de que vostede pode ser un exemplo para moita xente?
-Para min iso é un orgullo. A soa idea de que poida incentivar a alguén a facer deporte, ou que se anime a proporse retos, ou que loite polo que quere, para min é algo moi satisfactorio.
-¿Cal é o verdadeiro motivo polo que fai todo isto, cartos, fama?
-Para nada. O meu obxectivo con todo isto vai moito máis ala. Busco que a xente empece a recoñecer de unha vez o lugar que se lle debe dar ao deporte galego.
-¿Que é, segundo vostede, o que falla?
-Pois o principal é a falla de apoio por parte das Administracións. Temos moi bos deportistas, xente que esta traballando a nivel mundial e aquí non se oe nada.
-Fala das Administracións, ¿non recibiu ningún tipo de apoio cando realizou o seu reto?
-Non, nin sequera se me escoitou. Enviei propostas á Xunta de Galicia, ao Concello de Padrón, ao que lle fixen unha proposta para facer o camiño de Santiago, despois da miña travesía a nado, e nada. Fixen todos os movementos posibles dende o meu lugar, e non tiven obtiven ningún resultado. Hai veces que te cansas de petar a portas que están pechadas.
-Fala de propostas que non foron escoitadas, ¿considera que o deporte galego está infravalorado?
-Por suposto que está infravalorado, discriminado e todo o que lle puideramos chamar. Cando ven alguén de fóra todo son facilidades, mentres que os deportistas autonómicos teñen que buscarse a vida eles sos, e moitas veces non atopan apoio. Ás veces penso en enviar as propostas en inglés, seguro que así responderían.
-¿Que se pode facer ante esta pasividade por parte dos gobernantes?
-O primeiro é facer que te escoiten. Sempre digo que o anonimato silencia moi boas ideas. Hai que facer ruído, parece que só así che fan caso. Por exemplo, a min antes non se me recibía na Xunta, unha vez feito o primeiro reto, conseguín que polo menos se me escoitara.
-Dedícase á psicoloxía e nalgún momento traballou con deportistas, ¿agora mesmo ten algunha iniciativa neste eido?
-Si, estamos preparando o servizo itinerante de asesoramento para deportistas, que traballaría con deportistas de elite de todas as disciplinas. Tamén teño a idea dun programa para todo tipo de deportistas, non só os de elite. Cando comezas a practicar un deporte ensínanche os golpes básicos ou como moverte, pois tamén sería importante que alguén che ensinara como facelo psicoloxicamente falando.
Como podedes ver, o principal problema do deporte galego é a Administración, a falla de promoción dos nosos deportistas, a falla dos medios dos que hai que dispor para chegar máis lonxe, etc. Non fai moito, co comezo deste ano Xacobeo, vemos como dun xeito completamente inútil, o goberno galego de Núñez Feijoo trae xente de fóra.
Todos vos acordaredes deste atleta NON galego que veu facer a nado unha travesía na que se metía por un río cara os adentros de Santiago de Compostela e chegaba finalmente ó Obradoiro. Ben, pois para isto mesmo, sobran atletas galegos que o fagan e, por qué non podería ser Juancho Armental a figura deste Ano Santo? Pola teima dos gobernantes.
Dende CaboDeCruz.Net agardamos que este mozo chegue lonxe nos seus obxetivos e que o deporte galego se oia máis fóra das nosas fronteiras, xa que se non se oe no noso interior, dificilmente se vai notar fóra. Dende Cabo de Cruz e dende a praia onde sae na foto este deportista, dámoslles ánimo a toda a xente que loita día a día por superarse sempre unha vez máis. Como dicía un filósofo grego, a loita sempre é contra un mesmo, pois a loita contra os demáis case sempre estará perdida.
| Tuitear |
|
Artigos relacionados :
A pesares de que o Club de Remo xa ten web propia, non está de máis mostrarlle ó mundo que esta ...
Este ano, o día das Letras Galegas está adicado a Uxío NovoNeyra, un domador da arte escrita gal ...
Fedellando polas entrañas da rede por algo que sabía que existía, finalmente dei co presunto tes ...
Como todos sabedes e dende fai xa tempo, o día de onte, 21 de xaneiro do 2010 foi un día en ...
Foto: La Voz de Galicia. Roberto Martín Vila Fungueiriño é un xogador do Cabo da Cruz den ...


