Inicio > Notas de prensa, Novas > Entrevista a Carlos Rodríguez Muñiz, presidente da ABE

Entrevista a Carlos Rodríguez Muñiz, presidente da ABE

Domingo, 7 de Marzo de 2010 Ir os comentarios

Lendo o xornal de hoxe, pareceume interesante poñervos esta entrevista do presidente da Asociación de Empresarios de Boiro para que poidades ver cómo está o tema empresarial no noso concello e tamén cara onde van as tendencias á hora de traballar e de dar traballo. Pensamos que é importante para a xente do Cabo da Cruz saber o máximo referente ós traballos e a todo o que rodea o mundo laboral, pois en Cabo temos moita xente e moi ben formada que para traballar ten que coller as maletas e irse fóra para poder ter un posto de traballo. Aquí vos deixo con esta entrevista do xornal da Voz de Galicia:

Foto da Voz de Galicia

Foto da Voz de Galicia

Carlos Rodríguez Muñiz (Boiro, 1967) exerce como presidente da Asociación Boirense de Empresarios desde hai dous anos. A cita para esta conversa celébrase na sede da entidade que se atopa en estado de mudanza. Explica que en breves datas inaugurará novas instalacións das que el se sente especialmente orgulloso. Na actualidade é director-xerente da empresa familiar de transportes de viaxeiros Salvador Muñiz. Confésase abstemio, pero pensa que non todo mundo ao que lle gusta o viño ten que estar equivocado. O dito, a diplomacia sutil. Carlos Rodríguez expresa que é de movementos longos e de duración no tempo. Estudou música dez anos co mestre Gerardo Deira, en Cespón. ¿Instrumento? O acordeón. A flexibilidade marca o carácter do entrevistado.

-¿Que se necesita para ser presidente da Asociación Boirense de Empresarios?

-Primeiro, responsabilidade; logo, iniciativa e capacidade de cohesión das distintas sensibilidades empresariais. -¿Hai que estar dentro dalgunha tendencia política? -O desexable é que non. O fracaso de moitas iniciativas prodúcese pola politización. Isto é tóxico para as propias entidades. Sempre debemos saber o lugar que nos corresponde, que é a neutralidade sen renunciar a todas as sensibilidades. -¿Cal é sector ou sectores empresariais máis destacados de Boiro? -O mar e a industria transformadora dos seus produtos. As cifras falan por si soas, tanto en postos de traballo como na facturación. Temos un peso importante no sector servizos. Se hai algo que define o noso tecido empresarial é a súa diversidade. Isto tradúcese en fortaleza. Somos menos vulnerables ás crises en conxunto. Boiro segue a ter industria téxtil cunha traxectoria histórica. Chegou a contar con cinco fábricas de certo volume. Nos últimos tempos están a desenvolverse iniciativas innovadoras. As normas medioambientais impulsan novos proxectos empresariais aos que se lles augura un futuro interesante. -¿Como se valora a marca Boiro fóra de aquí? -É difícil ser obxectivo cando es boirense e vives en Boiro. Polo que che contan e pola percepción que un ten, creo que é sinónimo de puxanza, crecemento. Somos un pobo con inquietudes no ámbito cultural. Por outra banda, a vila aínda pode medrar moito porque hai solo. Sen desenvolvemento urbanístico malamente se pode fixar poboación. Para que se fixe ten que haber oferta de vivenda. -¿Como andan de solo industrial? -Se nos remitimos ao que hai dispoñible, diremos que está aí pero debe ir a máis. Outra cousa son as condicións do mercado que impiden que se constrúa máis solo. Logo, a situación económica non facilita que se implanten empresas. Hai que reflexionar sobre o que é prioritario e o que non. Cando cambie o ciclo, é probable que o terreo que hai sexa insuficiente. Da última ampliación de Espiñeira, está sen vender un 40%, pero o solo ten que estar antes que as empresas, e logo hai que darlles facilidades para que se implanten. -¿Cales pensa que serían os instrumentos para loitar contra a crise na comarca? -Nunha economía globalizada, a maior parte do tecido empresarial ten que apostar pola profesionalización e pola calidade. Estes deben ser os valores engadidos. Se competimos con outras economías emerxentes non somos capaces de facer o mesmo porque os custos son distintos. Hai mercado que demanda calidade e un alto grao de profesionalización. Aquí é onde debemos dirixirnos. Debemos por en valor o noso produto. Desde esta perspectiva podemos competir con outras economías en igualdade de posicións.

Como vedes, apóstase sempre pola profesionalización e pola calidade, co cal, tamén queremos transmitirlle ós máis novos do Cabo da Cruz que estudedes e vos formedes ó máximo, xa que agora non é coma antes que un era mestre de primaria, médico ou avogado (por poñer exemplos) e comíase o mundo. Agora, cando saes dunha facultade tes que darte conta de que ahí fóra hai miles que son coma ti ou mellor. Porén, para poder traballar non chega con ter un estudo, senón saber moverse e mellorar algo máis có resto. Agardo que este artigo vos fose de utilidade ás persoas do Cabo da Cruz. Un saúdo tamén a Carlos Rodríguez, e agardamos que algún día se sente con nós e nos conte algo máis concreto da nosa vila, xa que dende o seu posto vense moitas cousas distintas a como as podemos ver os demais.

Artigos relacionados :

 

• Máis noticias enNotas de prensa, Novas
• Recibe tódalas novas no teu correo:
  1. Carlos Rodriguez Muñiz
    Martes, 9 de Marzo de 2010 a las 18:28 | #1

    Hola a todos os seguidores de Cabo de Cruz.net. Inda que non estou moi seguro de que poida aportar algo na liña en que o menciona o administrador ou nalgunha outra, se así o considerades estou á vosa disposición para o que estimedes oportuno, como non podería ser doutro xeito. Teñ que decir que é a primeira vez que entro neste portal que descubrín agora accidentalmente. Celebro que exista e procurarei participar dél daquí en diante. Saúdos.

  2. Xoan
    Martes, 9 de Marzo de 2010 a las 23:36 | #2

    En primeiro lugar saudar a Alex que nos sigue dende Compostela, e agrádanos que che gusten as fotos do amigo Lomba xa que isto anímanos a seguir e tratar de mellorar na medida do posible.
    Logo, é toda unha sorpresa que o presidente da ABE nos siga de preto. Ola Carlos, de seguro que aportas bastante, xa que na situación na que vivimos é complicado o tema do traballo, e sabemos que sen empresas non hai traballo e se non hai traballo a xente marcha. Entón neste tema tan clave, ti podes aportarnos moitas marcas a ter en conta ou a seguir do panorama empresarial do concello e tamén do Cabo da Cruz.
    Dicir que me gustou a entrevista por iso a colguei aquí, e a ver si che facemos nós así unhas preguntas para colgar na web, se te animas.
    Un saúdo a todos!!

  1. Non hai trackbacks.