Sigue nuestro Feed RSS   CabodeCruz en Facebook   CabodeCruz en Twitter  
Xuñ
23

A arte dun veciño, a arte de Pablo Lado

Hai cousas que non se saben, e outras moitas que quedar por saber, pero dun xeito ou doutro chegounos ós oídos a habilidade dun mozo de Cabo de Cruz, concretamente da Aldea de Arriba, que desborda arte por tódolos costados. O seu nome é Pablo Lado e actualmente atópase cursando o Bacharel no IES Praia Barraña, pero xa apunta maneiras dende fai tempo. Iso nótase nos premios conseguidos en diversos concursos de debuxo e outras técnicas empregadas polo crucense. Hai que falar tamén dun concurso da Diputación de Lugo onde acadou o primeiro premio, entre outros moitos galóns.

Son numerosas as obras deste artista que ten no seu legado sen chegar á maioría de idade, pero deunos luz verde para mostrarvos un curto que fixo el do seu puño e letra. A obra chámase «O gato con fame» e está feita totalmente á man cunha técnica depurada e elaborada por Lado. Aquí tendes unha mostra do seu bo saber:

Como podedes observar foi un pequeno traballo para a escola no que o autor puxo moito empeño e sacou o que vedes, nin máis nin menos ca unha pequena historia dun gato que fai o imposible para acadar unha pouca comida. En CaboDeCruz.Net non somos moi expertos na materia, pero soubemos valorar este traballo. E que ben fai este home lucindo traballos da terra que nos dan un forte impulso coma o «Íscalle lura» dos Heredeiros da Crus para a banda sonora, en vez de coller música de fóra como podía ter feito.

Xa puxemos aquí algunha que outra obra que naceu en mans de xente de Cabo de Cruz, e isto indica que temos madeira para o que faga falta, Agardamos que Pablo nos ceda algún dos seus traballos: debuxos, esculturas, curtos, etc. xa que o que queremos é promocionar dalgún xeito a esta xente que ten moito que ofrecernos a todos. Por iso, Pablo, queremos felicitarche polo teu traballo e que sigas así de por sempre, xa que aquí tes un espazo na Internet para o que ti dispoñas.

Ánimo Artista!


• Noticias relacionadas en: Cultura, Novas, Videos
Xuñ
05

Accións que emporcan as beirarrúas de Cabo de Cruz

En artigos anteriores vimos como accións de varios veciños de Cabo de Cruz perxudicaban a outros e son accións que cun pouco de coidado se poden evitar. Para isto, tamén temos un pequeno video dun incumprimento da normativa, xa que isto recólleo a lei e mesmo o ensinan cando se quita  a teoría do carnet de coche. Imos ver o video:

Como podedes ver neste pequeno video, o veciño limpa o seu motor despois de vir do mar. Isto provoca que se deixe na rúa todo o lixo, graxa e salitre que poida traer este motor do mar. Aparte de todo isto podemos escoitar o ruído que causa nunha vía pública (que isto sería o menor dos males, pero todo hai que telo en conta). Como todos deberíades saber, non está permitido lavar nada na rúa pública, e cando digo nada refírome a coches, motores e outras cousas que poidan enlixar algo público, non da nosa casa. Se alguén quer lavar o coche debe facelo na súa propiedade e sen botar a auga ó camiño. E isto non o digo eu porque sí, senón que se recolle nunhas normas e leis.

Con estas mostras agardamos que todo veciño e veciña tome nota disto e se conciencie de que o que non quer para si mesmo, que non llo faga ós demais. Para máis agora que temos unhas rúas empedradas que moito costou conseguir e que lle dan un toque decente e bonito á nosa vila, e non o imos estragar con estas pequenas cousas que se poden amañar civilizadamente.


• Noticias relacionadas en: Foto Denuncia, Novas, Videos
Mai
23

Gas Natural Fenosa insulta gravemente a un cliente

Dadas as situacións ás que nos leva esta empresa, quero poñervos un video que ó principio pódevos dar un pouco de risa. Dígoo porque a xente que o viu, primeiramente tivo esa impresión, pero pensade que sodes vós ós que lle pasa o que ides ver a continuación:

Como vedes, veciños e veciñas de Cabo de Cruz, estamos ante unha burla, un escándalo, unha mofa da empresa Gas Natural Fenosa a un cliente seu. Con este trato, a onde pretende chegar esta empresa? Realmente, a xente merécemonos isto? Señores gobernantes, actúen xa!


• Noticias relacionadas en: Foto Denuncia, Novas, Videos
Mai
22

Manifestación a prol da lingua galega en Santiago de Compostela

O outro día decidimos poñer aquí unha nova referente ó día das letras galegas en Santiago de Compostela para que a xente de Cabo de Cruz acudise na defensa da súa lingua, da lingua da nosa vila. O pasado 17 de maio, foi o día das letras na honra do escritor Uxío Novoneyra e tamén houbo unha manifestación en favor da lingua de Galicia.

Fomos miles as persoas que alí estivemos, segundo a entidade, a cifra pode variar, pero o que non pode variar é que se encheu dúas veces a praza do Obradoiro onde se tivo que ler por duplicado un manifesto en contra dun decreto. Un decreto imposto polo actual goberno de Núñez Feijoo onde se desprestixia completamente a lingua galega. Un desprestixio baseado na contraria ó que di, por exemplo, o Estatuto, entre outros documentos oficiais aprobados por unanimidade no Parlamento galego e époco do señor Fraga Iribarne.

Isto pode parecer pura política, é certo, pero hai que miralas cousas dende outro punto de vista. Un punto de vista no que os rapaces de Cabo de Cruz, como a cousa siga así, non terán a oportunidade de aprender no seu idioma galego. Estudos actuais indican que a meirande parte dos mozos que saen da ESO, non teñen garantidos os coñecementos mínimos en lingua galega, véndose estes superados pola lingua de fóra, do castelán.

Para que vexades a implicación da xente nestes actos de defensa dunha lingua, vou a mostrarvos algunha foto do que foi esta manifestación na cidade de Santiago de Compostela:

ObradoiroCheo

Como podedes observar nesta instantánea, na praza do Obradoiro non colle nin unha palla, debido á afluencia masiva dos galegos e galegas. E para calar algún que outro rumor do tipo: «El que defiende el gallego es del Bloque«, non señores, aquí había tamén xente do PSOE e do PP, aínda que non se mostren como tales. A fala non é unha cuestión política, senón que é unha cuestión cultural e de identidade do pobo galego. Vexamos na imaxe como tódolos partidos apoiaron a manifestación, agás o goberno galego:

PSOEGalego

Aquí estabamos todos os galegos e galegas que queremos e reivindicamos que o galego forme parte de nós, que o galego nos una como pobo e que poida formar parte do día a día. Porén, en Cabo de Cruz, pensamos que debemos tamén sinalar que a nosa vila fala galego. E por qué? Porque nosos pais, avós, primos, irmáns nos ensinaron a nosa lingua, a lingua galega.

Agardamos que nas vindeiras manifestacións a prol do noso idioma esteades todos os que poidades, e para que vexades ó completo o que foi esta manifestación, queremos mostrarvos tódalas fotos que sacamos o día das Letras Galegas. Aquí as tendes.

E para que vexades a magnitude do evento, queremos poñervos un video no que se mostra unha panorámica da praza do Xacobeo onde a Catedral de Santiago nos arroupou e animou pola nosa causa. Cantas almas alí metidas e unidas pola nosa lingua:

Como vedes, isto foi unha auténtica festa onde os galegos estivemos ledos do noso idioma e dixémoslle moi claramente ó presidente da Xunta, que a actual política lingüístca non está acorde coa realidade de Galicia, e que ten moitas cousas que cambiar para que isto non volte acontecer.


• Noticias relacionadas en: Cultura, Novas, Videos
Mai
14

Denuncia que recibiu unha factura de ata 700 euros da súa compañía eléctrica

Pois como a cousa non podía quedar así, no día de hoxe estiven nunha conexión en directo coa TVG onde tratei tamén de explicar o meu problema con Gas Natural Fenosa.

entrevista

Como o tema xa o sabedes desde este medio de comunicación, do xornal Certo e da Voz de Galicia, o que me quedaba por mostrarvos era o video da conexión coa TVG:


E para que vexades que con valentía e paciencia, calquera de Cabo de Cruz e de onde sexas, debes sempre enfrentarte a este tipo de empresas que abusan de todos nós. Como é o dito, a unión fai a forza e… Ate a victoria sempre!


• Noticias relacionadas en: Foto Denuncia, Novas, Videos
Mai
10

Video sobre unha regata de bateis en Cabo de Cruz

Neste video podedes apreciar algo máxico: a Ría de Arousa, un paraxe natural que baña as fermosas praias de Cabo de Cruz como poden ser a praia de Carragueiros, a Retorta, etc. Pero neste caso vemos a parte do muelle onde se disputaron unhas regatas de bateis como poderedes apreciar no video. Sen dúbida unha boa carta de presentación para a nosa vila onde podedes ver o deporte de élite que temos. Aquí vai o video:


• Noticias relacionadas en: Novas, Videos
Mai
09

Video do paseo marítimo de Boiro

Móstrovos outro video onde se pode apreciar o paseo marítimo de Boiro. Estas imaxes, a día de hoxe non son posibles polas obras que se están a a cometer en dito lugar, pero agardamos que as obras rematen canto antes para devolverlle o encanto a unha zona tan bonita. A fermosa praia de Barraña queda moi ben ilustrada neste video tan identificativo. Aquí vos queda o video:


• Noticias relacionadas en: Novas, Videos
Mai
08

Concello de Boiro fai doce anos

Fozañando pola rede e buscando cousas interesantes quixera mostrarvos un video sobre o antigo edificio do Concello de Boiro fai unha ducia de anos. Moitos dos que entrades aquí nin o recordaredes pola vosa curta idade, porén quero que vexades cómo era o noso concello. Aquí vos deixo o video:

Agardo que vos guste o video e tamén que vos animedes a colgar videos sobre Cabo de Cruz para que todos poidamos disfrutar da mellor vila do mundo.


• Noticias relacionadas en: Novas, Videos
Mar
24

O camiño da Loureira

Fai uns días estiven falando con Pablo Chouza, cousa que sobran as palabras para saber quen é este mozo do mítico bar «O Codillo». Pedinlle se podía colaborar dalgún xeito con esta web e mandoume unhas ligazóns bastante interesantes a uns traballos del e mais do seu irmán Toño Chouza. Aquí vos deixo un enlace a unha curtametraxe feita por estes dous irmáns do Cabo da Cruz. Sen máis: O camiño da Loureira.

Aquí podedes ver a dúas persoas do Cabo da Cruz. Eu coñezo ó home que é o señor Ramón Revira, en paz descanse. Foi un home que tiña unha vitalidade increíble a pesares da súa idade. Conservaba tamén unha memoria e un recordo do pasado digno dunha enciclopedia histórica. E o mellor de todo, a elaboración da súa caña de herbas, ahí si que lle daba ben este home.

Decidin persoalmente poñer este video en homenaxe á xente do Cabo da Cruz. Lamento non coñcer á muller que sae no filme (aínda que me soa bastante), pero iso déixoo coma unha tarefa para os nosos lectores, e tamén para ver si nos poden aportar algo desta muller para poder completar esta pequena descripción dos actores.

Sempre é de agradecerlle ós nosos lectores e colaboradores a información que nos dades, de feito non tardou moito en chegarnos un mail ás nosas dependencias de parte do amigo Suso Marañas dicindo que a muller deste video é a sogra de «Juan o negro» do Corviño. Certo é que a podemos ver todos nos días de sol sentada á porta e se non me trabuco xogando unha partiña ás cartas, ¿Pode ser?

Agradecer tamén ós irmáns Chouza esta labor e tamén que nos cedesen os seus traballos para poder disfrutar todos deles. Agardamos que sigades así co voso traballo e tamén agardamos poder vervos aquí de por sempre. Gracias pola vosa colaboración!


• Noticias relacionadas en: Cultura, Novas, Videos
Xan
03

¿Cómo non facer unha entrevista?

Sorprendente o título deste artigo? Pois non, penso que todo o contrario vendo o que acabo de ver no portal de videos de Google, Youtube. Como anda tan pendente este tema do noso idioma galego, que si decreto si, que si decreto non, que si os pais escollen, que si o de antes era imposición, etc. Todas estas cuestións teñen distintos puntos de vista, pero a obxetividade cae cando este surrealismo se traslada a unha televisión que está ó alcance de todos.

Para os que esteades a estudar periodismo, vouvos mostrar como non se debe tratar a un convidado, a non ser que lle queirades facer un ataque deste tipo. Nestes videos que vos vou mostrar a continuación podemos ver como Carlos Luís Rodríguez entrevista a Carlos Callón no programa Foro Aberto da TVG e faino dende unha perspectiva de loita e ataque de cara ó seu convidado.

Primeiramente vou poñer aquí un video-parodia que se fai en Youtube sobre esta entrevista, si se lle pode chamar deste xeito, no que se poden calificar este tipo de preguntas que o presentador fai. Dentro vídeo:

Vendo isto, xa vos podedes imaxinar como sería o resto. Este home, Carlos Rodríguez pensaba ó comezo da entrevista que o noso veciño de Castiñeiras (Ribeira) ía quedar sen argumentos á espera de algo así. Como vemos, as interrupcións por parte do noso presentador son constantes sen deixar lugar a unha explicación por parte do convidado en moitas preguntas que non interesa que sexan respostadas. Agora déixovos coa entrevista real. Cada un que a califique como queira, que opine sobre se isto é normal na TVG, si pasa só con determinados convidados, ou se foi un mal día que tivo o presentador. Dado que a entrevista dura ó pé duns quince minutos, pois imos por un link para que a poidades ver en Youtube, para favorecer o fluxo de tráfico nesta web.

  1. Aquí tendes a primeira parte.
  2. Logo ven a segunda parte.

Podería tamén tratar de comentar cada parte e cada tramo da entrevista, pero vouno deixar como tarefa para os nosos visitantes e para quen queira comentar algo sobre esta maneira de facer entrevistas. Como ben di o título do artigo: ¿Cómo non facer unha entrevista? Penso que agora, vendo todo isto, a meirande parte de vós coincidiredes con nós en que este non é xeito de tratar a un convidado.

Como dato, tamén comentar que o programa de Foro Aberto é grabado. O presentador tivo que cambiar a camisola ó remate da entrevista, pois a imaxe de Camacho no Mundial de fútbol facíase notar no ambiente de derrota deste home. Isto pasa cando pos tódalas forzas para facer algo que non das conseguido e veste na impotencia de asumir que as cousas non foron como se agardaban.

Agardo que este artigo dea para aquí para un foro aberto, pero para un foro sen ataques, con respeto e cordialidade coa que sempre nos tratamos todos aquí. Agardo con entusiasmo as vosas opinións!


• Noticias relacionadas en: Curiosidades, Novas, Videos