Sigue nuestro Feed RSS   CabodeCruz en Facebook   CabodeCruz en Twitter  
Xuñ
04

Varios veciños de Cabo de Cruz denuncian estorbos en accesos a vías públicas

Son xa algunhas queixas que nos chegan ás nosas dependencias denunciando casos de coches, remolques e outros elementos que impiden que calquera poida acceder a unha vía pública. Porén, a día de hoxe decidimos poñer aquí este artigo para que a xente de Cabo de Cruz se conciencie de que non todo é noso. Da porta para fóra da nosa casa nin pinchamos nin cortamos. Dahí que lle pedimos amablemente a todo aquel que teña algo que lle estorbe a alguén que faga o posible para evitar isto. Non lle fagades a alguén o que non queredes para vós mesmos.

Para documentar un pouco máis este artigo imos a mostrar algunha que outra foto de claros estorbos en accesos a rúas públicas, neste caso en beirarrúas:

CocheEstorbo

Como vedes, isto é á saída do paseo que se fixo na Ribeira Grande, que vai dar ó muelle. Si vos fixades ben, este coche está mal aparcado porque interrumpe claramente o acceso da xente ó paseo e tamén porque se hai alguén en cadeira de rodas ten que meterse pola parte esquerda da imaxe por unha zona de area onde unha cadeira é fácil que quede enterrada. Por iso, pedímoslle encarecidamente ó dono/a deste vehículo que o retire canto antes, ou vai haber veciños que mesmo cheguen a denuncialo/a ou chamar á Policía para unha consecuente multa. Dende CaboDeCruz.Net agardamos comprensión nestes casos e temas.

EmbarcacionEstorbo

Tamén queremos informarlle ó dono desta embarcación que este non é o mellor sitio para deixar un remolque cunha planeadora, xa que como vedes está impedindo o acceso á porta da casa (non sabemos si a casa é do propio dono ou non) e tamén fai que si vén un coche pola rúa, os viandantes se teñan que deter por culpa de que non teñen o seu acceso libre. Por isto tamén lle pedimos ó dono deste remolque que o non siga colocando aquí, xa que está estorbando coa súa acción.

Todas estas peticións facémolas dende a meirande educación e respecto posible de cara a tódolos veciños e veciñas. E agardamos que si alguén lles di que algo que non está no seu, estorba, que o quiten antes de ter que chamar á Policía ou mesmo poñer unha denuncia. Agardamos comprensión por parte de todos.


• Noticias relacionadas en: Foto Denuncia, Novas
Xuñ
03

O Concello de Boiro adianta a limpeza das prias por mor do bo tempo

limpezaPraias

Coa xa entrada do verán deste 2010, o bo tempo axuda a que moita xente, de fóra e de Cabo de Cruz se anime a achegarse ós areais da zona para tomar o sol ou mesmo botarse ó mar. Por culpa disto, o Concello de Boiro está xa a levar a cabo as tarefas de limpeza das praias a través da contratación dunha empresa que se fará cargo ata o día 7 de xullo.

A praia de Barraña foi o primeiro punto de encontro dos operarios á altura da desembocadura do río Coroño. As vindeiras actuacións serán en: Carragueiros, A Retorta, Mañóns e a Ribeira Grande. A limpeza preseguirá por outras praias menos importantes como poden ser: Triñáns, Ribademar, a  Ladeira, Praia do Porto de Escarabote, Peralto e as calas que hai dende Estivada ata a punta de Neixón.

O 7 de xullo é a data clave na que o concello contratará as cuadrillas de limpeza que o farán ó longo dos meses de verán. Tamén anunciaron que pretenden ter ó pé dunhas vinte persoas encargadas das tarefas de limpeza entre contratados e persoal do concello contratado a través de subvencións da Ditupación e da Xunta.

Tamén se teñen en conta os accesos ás zonas de baño para que estean limpos e transitables coma na Praia do Porto de Ferreiros na zona de Cespón. Trátase dunha pequena cala empregada por algúns veciños que se achegan ó mar dende as súas casas.


• Noticias relacionadas en: Notas de prensa, Novas
Xuñ
02

As tripulacións absoluta e xuvenil de Cabo de Cruz clasificanse destino a Vilaxoán

Cabo da cruz

Cun par de bronces, o Club de Remo de Cabo de Cruz acadou veuse do Campionato de Galicia de Trainerillas que tivo lugar esta fin de semana en Meira. Para a vindeira fin de semana, dúas embarcacións crucenses estarán en augas de Vilaxoán na cita autonómica.

As valoracións de Mario Vidal, presidente do Club de Remo, foron relacionadas coa menor das trainerillas: «Non digo que fósemos capaces de poder con Robaleira. Pero coido que temos equipo para andar máis cerca. Sacounos 12 segundos, unha enorme distancia, e cedemos tres segundos diante de Vilaxoán, que chegou segundo». Pero as valoracións en categorías meirandes foron boas por parte do presidente: «porque todo foi moi axustado. Estivemos máis cerca de Tirán, que era o gran favorito, do que incluso agardábamos. Ao longo de case toda a regata mantívose a igualdade e só nos metros finais do último logo se decantou a proba», sinalou Mario.

Con respecto ó Campionato de España, Vidal afirmou que o obxetivo «é meterse nas finais do domingo. E teremos que loitar moi duro para acadalo, porque na categoría absoluta veñen clubs tan potentes como Castro, Astillero, Pedreña e Kaiku, con Corta ao mando. En xuvenís, defendemos o título e teremos que facer un esforzo máis grande, para non quedar tan atrás dos rivais».


• Noticias relacionadas en: Clube de Remo, Notas de prensa, Novas
Xuñ
01

Aparecen fondeadas diversas artes de pesca ilegais na ría da Arousa

PescaIlegal

Os axentes do Servizo de Gardacostas da Consellería do Mar tivo traballo estes días tras atopar un total de 576 aparellos de pesca e 339 kilos de peixe e marisco fondeados nas rías galegas. Entre as capturas, moitas delas non daban a talla para a súa extracción e a meirande parte das artes eran ilegais. Entre Cabo de Cruz e a Illa da Arousa atopáronse ó pé de 200 apeiros de pesca que foron incautados polo persoal da Xunta.

O domingo foi o día no que se atoparon un total de: 90 pezas de miños, 95 nasas butrón, 6 tramallos, balizadas antirreglamentarias, 31 kilos de chopo, tres de polbo e medio de nécoras que estaban presos nos aparellos e que segundo explicaron dende a Xunta, as capturas foron devoltas ó mar.

Este foi un dispositivo montado polos axentes da Xunta de Galicia en contra da pesca ilegal nas nosas rías, e como podedes ver, tamén tocou en Cabo de Cruz, onde non nos libramos de nada. Indicamos a tódolos crucenses a que se adapten á legalidade da pesca para non ter sorpresas de multas, redadas e outras cousas. Xa que isto dana consecuentemente a imaxe da nosa vila, xa que se na Confraría hai problemas cos furtivos e logo son os propios crucenses os que incumpren as normas, pois non se fai moito que digamos.


• Noticias relacionadas en: Notas de prensa, Novas
Mai
30

Os aliens chegan a Compostela. 2ª parte.

Como o prometido é débeda, e en CaboDeCruz.Net non fallamos, aquí tendes a segunda entrega da reportaxe: Os aliens chegan a Compostela. Onde se asegura que a través duns implantes cerebrais, unha persoa pode chegar a sacarse a carreira de Enxeñería Industrial sen apenas estudar. Toda unha proeza destes extraños visitantes. Para que o comprobedes por vós mesmos, aquí téndela proba:

A sonda anal parece a solución a moitos dos nosos problemas e preocupacións. Non ter que estudar tanto, non tomar bífidos para ter unha mellor saúde, etc. son innumerables os beneficios destas terapias doutros planetas. Como ben é certo, cada un ten a súa opinión ó respecto e porén agardamos que aquí nola deixedes.


• Noticias relacionadas en: Curiosidades, Novas
Mai
28

Os aliens chegan a Santiago de Compostela

Nestes días demos outra marea polas redes de Youtube e atopamos algo sorprendente que non escoitáramos anteriormente. Algo digno de ver e escoitar. Hai quen asegura que tomou caña de herbas cos extraterrestres ou mesmo se fala dunha sonda anal. Para que o vexades claro, aquí vos poñemos este video do presidente da asociación de abducidos de Compostela que  non ten desperdicio algún. Dentro vídeo:

Como vedes, non hai que ter medo a ser abducidos pola xente que non é deste planeta, xa que nos ofrecen un trato excelente. Para rematar esta pequena reportaxe, de contado ides ver a segunda parte deste video. Xentes de Cabo de Cruz, non deixedes nunca de mirar ó ceo, pois pode ser que alguén nos estea observando.


• Noticias relacionadas en: Curiosidades, Novas
Mai
26

Dura fin de semana para a Confraría de Cabo de Cruz

PraiaRetorta

Foto de S.Balvís

Entre os altercados nas praias, a masiva afluencia de xente por mor do bo tempo e outras cousas, a entidade da Confraría de Pescadores de Cabo de Cruz tivo unha fin de semana moi movida. Saltaba en primeira páxina do telexornal cando se vía a un grupo de mariscadoras e mais ó vicepresidente, tratar de mediar entre uns furtivos que atoparon no areal onde estaban a faenar. Con tan mala sorte que as ameazas verbais pasaron ás mans. Aínda que todo quedou nun susto de mal trago, o malestar mostrado polo grupo de mariscadoras de a pé faise notar estes días na nosa vila. Pero a trifulca parece ser que xa veu dunha semana atrás cando en Peralto houbo enfrontamentos entre furtivos e vixilantes onde o persoal da Confraría tivo que recibir asistencia médica.

Entre todo este fin de semana, foron requisados máis de 300 kilos de marisco que foron extraídos por xente sen permiso das praias onde os vixilantes tiveron un grande traballo. O bo tempo fixo que os bañistas se achegasen ás praias, e algún que outro aproveitou para meter algún berberecho no peto. A raíz disto, a confraría tivo un dobre inimigo: os furtivos por un lado e os bañistas polo outro. Nestes tres días houbo ó pé duns trinta traballadores vixilando o marisco, pero todo esforzo é pouco para preservar o seu medio de vida.

Foron moitos os insultos recibidos polos amigos do alleo que levan o marisco da praia, aínda que tamén hai xente que sen máis tira o marisco ó mar ou devólveo ós vixilantes, segundo afirmaba Carmelo Vidal, o patrón maior. Foron moitos os furtivos que xa van en embarcacións e collen o marisco buceando, asimesmo, utros tentan escapar en canto ven ó persoal da Confraría. Moito traballo o desenvolvido nestes tres días pola entidade marisqueira.


• Noticias relacionadas en: Notas de prensa, Novas
Mai
25

Os mariñeiros e veciños de Cabo de Cruz reclaman contedores para o lixo

Contedores

Como podedes observar na foto, os mariñeiros de Cabo de Cruz teñen as suxeccións dos contedores do lixo, pero o que realmente fai falla son os contedores. Supoñemos que se lles debeu pasar ós señores de Portos de Galicia, que no peirao tamén se acumula lixo, e para que éste non vaia parar ó mar, pois haberá que acondicionar as infraestructuras axeitadamente.

Porén, baixo a petición de varios veciños e mariñeiros da vila, queremos empregar este medio de comunicación para pedir uns recipientes para o lixo. Son outras tantas cousas que fan falla para o desenvolvemento da actividade portuaria, e de seguro que iremos recollendo as suxerencias da xente ata que teñamos todo o necesario para ter un muelle limpo e coidado.

Tamén queremos indicarlle ós mariñeiros que coiden ó máximo o mar, que non tiren o lixo por pouco que sexa, xa que se eles non coidan o seu medio de vida, non van vir os de fóra a facelo. Temos que concienciar a toda a xente que a nosa principal fonte de ingresos é o mar: as bateas, o marisco, etc., e sen el non chegariamos ata onde hoxe estamos.

Co cal, señores da asociación de veciños A Unión, señores do Concello de Boiro, señores de Portos de Galicia, ou quen queira que sexa o responsable, aquí fai falla un contedor do lixo e agardamos que en breve sexa instalado.


• Noticias relacionadas en: Foto Denuncia, Novas
Mai
23

Gas Natural Fenosa insulta gravemente a un cliente

Dadas as situacións ás que nos leva esta empresa, quero poñervos un video que ó principio pódevos dar un pouco de risa. Dígoo porque a xente que o viu, primeiramente tivo esa impresión, pero pensade que sodes vós ós que lle pasa o que ides ver a continuación:

Como vedes, veciños e veciñas de Cabo de Cruz, estamos ante unha burla, un escándalo, unha mofa da empresa Gas Natural Fenosa a un cliente seu. Con este trato, a onde pretende chegar esta empresa? Realmente, a xente merécemonos isto? Señores gobernantes, actúen xa!


• Noticias relacionadas en: Foto Denuncia, Novas, Videos
Mai
22

Manifestación a prol da lingua galega en Santiago de Compostela

O outro día decidimos poñer aquí unha nova referente ó día das letras galegas en Santiago de Compostela para que a xente de Cabo de Cruz acudise na defensa da súa lingua, da lingua da nosa vila. O pasado 17 de maio, foi o día das letras na honra do escritor Uxío Novoneyra e tamén houbo unha manifestación en favor da lingua de Galicia.

Fomos miles as persoas que alí estivemos, segundo a entidade, a cifra pode variar, pero o que non pode variar é que se encheu dúas veces a praza do Obradoiro onde se tivo que ler por duplicado un manifesto en contra dun decreto. Un decreto imposto polo actual goberno de Núñez Feijoo onde se desprestixia completamente a lingua galega. Un desprestixio baseado na contraria ó que di, por exemplo, o Estatuto, entre outros documentos oficiais aprobados por unanimidade no Parlamento galego e époco do señor Fraga Iribarne.

Isto pode parecer pura política, é certo, pero hai que miralas cousas dende outro punto de vista. Un punto de vista no que os rapaces de Cabo de Cruz, como a cousa siga así, non terán a oportunidade de aprender no seu idioma galego. Estudos actuais indican que a meirande parte dos mozos que saen da ESO, non teñen garantidos os coñecementos mínimos en lingua galega, véndose estes superados pola lingua de fóra, do castelán.

Para que vexades a implicación da xente nestes actos de defensa dunha lingua, vou a mostrarvos algunha foto do que foi esta manifestación na cidade de Santiago de Compostela:

ObradoiroCheo

Como podedes observar nesta instantánea, na praza do Obradoiro non colle nin unha palla, debido á afluencia masiva dos galegos e galegas. E para calar algún que outro rumor do tipo: «El que defiende el gallego es del Bloque«, non señores, aquí había tamén xente do PSOE e do PP, aínda que non se mostren como tales. A fala non é unha cuestión política, senón que é unha cuestión cultural e de identidade do pobo galego. Vexamos na imaxe como tódolos partidos apoiaron a manifestación, agás o goberno galego:

PSOEGalego

Aquí estabamos todos os galegos e galegas que queremos e reivindicamos que o galego forme parte de nós, que o galego nos una como pobo e que poida formar parte do día a día. Porén, en Cabo de Cruz, pensamos que debemos tamén sinalar que a nosa vila fala galego. E por qué? Porque nosos pais, avós, primos, irmáns nos ensinaron a nosa lingua, a lingua galega.

Agardamos que nas vindeiras manifestacións a prol do noso idioma esteades todos os que poidades, e para que vexades ó completo o que foi esta manifestación, queremos mostrarvos tódalas fotos que sacamos o día das Letras Galegas. Aquí as tendes.

E para que vexades a magnitude do evento, queremos poñervos un video no que se mostra unha panorámica da praza do Xacobeo onde a Catedral de Santiago nos arroupou e animou pola nosa causa. Cantas almas alí metidas e unidas pola nosa lingua:

Como vedes, isto foi unha auténtica festa onde os galegos estivemos ledos do noso idioma e dixémoslle moi claramente ó presidente da Xunta, que a actual política lingüístca non está acorde coa realidade de Galicia, e que ten moitas cousas que cambiar para que isto non volte acontecer.


• Noticias relacionadas en: Cultura, Novas, Videos