
Foto de Dani Gestoso
Tamén de cifras se pode falar no caso destes profesionais que en breve, trala teima dun presidente de recortes, van quedar sen choio. Pero que quince persoas vaian ó paro pode ser algo habitual nestes tempos que corren, malia que queden sen un servizo fundamental miles de persoas é bastante nefasto.
Falando de cifras como imos agora, a redacción de CaboDeCruz.Net tivo acceso a un documento onde se contabilizan en máis de 20.000 actuacións do GRUMIR dende o ano 1997, case nada. En dito arquivo estaban detalladas todas e cada unha das intervencións que fixeron estes traballadores en favor de toda a sociedade.
Pero curiosamente, imos contar aquí un servizo no que cidadáns coma o que aquí escribe, puido aforrar uns trinta e pico euros. Este é o traballo de cerralleiro. A cantos non nos quedou un día unha chave por dentro? En ocasións a casa está accesible por fiestras e demais, pero saben vostedes canto custa de media un traballo de 30 segundos dun cerralleiro calquera? Si, señores, de 50 euros para arriba. Pois esta xente, por 20 € abre portas; portas que agora o goberno da Xunta lles está pechando a cal e canto.
Servizos, tamén coma a busca de persoas, que claro, nunca un sabe o que é ata que lle toca. Pero cuantificando datos, no tempo que leva este servizo en pe, contamos con máis dun cento de buscas de persoas nas que só se perdeu un mozo que lamentablemente apreceu morto. Co cal, parece que efectivos si que son.
Se cadra, a lectura deste texto fai entender que esta web ten algo en contra dunha cor política, pero neste caso a dignidade das persoas e o sentido común debe primar por enriba de todo e de todos. Xa que o outro día, falando cun membro deste grupo, contaba que había moita xente que lle agradecía o seu traballo e que lamentaban que os suprimisen agora de golpe. Testemuñas de xente que foi favorecida enormemente e que mesmo algúns chegaron a salvar as súas vidas.
Por iso, pedímoslle ós señores mandatarios que abran os ollos, que se deixen de tanta dieta e tanto coche oficial e que conserven algo que realmente fai falla, e que como está demostrado funciona. Dende esta entidade apoiamos directamente a esta xente e animámolos a que se manifesten, que recollan sinaturas, que os documentos cheguen ós medios para que todos teñamos conta do que nos queren quitar.
Pois cando todo isto desapareza, van ser moitos os que nos laiemos cando nos arda o monte e non pare de arder ate chegar ó mar, cando teñamos un accidente no que non teñan que intervir os bombeiros, cando nos caian pólas dos pinos no tellado, cando nos quede unha chave por dentro, cando haxa que facer un rescate nunha praia, etc, etc, etc.
• Noticias relacionadas en:
Notas de prensa,
Novas