Sigue nuestro Feed RSS   CabodeCruz en Facebook   CabodeCruz en Twitter  
Mai
07

Novo grupo de Facebook

facebook

Aquí tendes un novo grupo de Facebook no que xa temos un total de 69 seguidores a día de hoxe. Este grupo fíxose para que cada veciño plantexe as cuestións, suxerencias, debates e todo o que se queira con respecto á nosa vila de Cabo de Cruz. Porén, agardamos que neste breve espazo da rede social se dean moitos encontros de crucenses para tratar de amañar os nosos problemas.

Aquí víchedes como os de Boiro avanzaron neste campo cunha morea de comentarios, discusións e opinións no seu espazo con respeto ás súas festas. Entón os de Cabo de Cruz imos a ser menos? O que queremos fomentar con esta nova andaina e a unión do pobo crucense no que se traten os temas de actualidade. Por iso queremos que a xente escriba e se motive con esta ferramenta, e non sexa só de <aceptar grupo> e nada mais.

Asi que xa sabedes, dádelle duro para que a xente de fóra saiba o que podemos ofrecerlles cando visiten Cabo de Cruz e tamén para que os nosos dirixentes saiban as cousas que fan falla e o que se coce nas nosas tabernas, rúas, peiraos, etc. Anímate a escribir!


• Noticias relacionadas en: Novas, Obras e Proxectos
Abr
26

Xuntaza pouco asistida na Unión

A UNIÓNA xuntaza xa anunciada en diversos medios para as novas eleccións da entidade do Cabo de Cruz, A Unión, foi bastante escasa de persoal, xa que foron ó pé dunhas trinta persoas as que asistiron á asamblea convocada. En dita reunión, o presidente Benigno Sánchez presentou a súa dimisión no cargo e convocou eleccións para o vindeiro día 24 de maio.

Non houbo intención ningunha por parte dos asistentes de coller as rendas da entidade, co cal todo apunta a que non vai haber cambio de papeis na Unión. A directiva actual mostrou o seu rexeite a quedarse, pero tamén afirmaron que de non haber ningún candidato á presidencia, quedarían eles mesmos ó cargo que xa ocupan.

Notouse un mal síntoma nesta asamblea, xa que son moitos os socios da entidade que non asistiron, e os que asistiron, tampouco mostraron interese por darlle un novo rumbo ó barco do Cabo de Cruz. Agardemos que ata o vindeiro día das eleccións se presente alguén ó cargo para que haxa máis competencia e xente disposta a resolver os problemas da nosa vila, os problemas de todos.

Non so foron despedidas este sábado, senón que tamén se presentou unha nova edición da revista O Socaire, por parte da Unión. Neste novo número da revista faise un balance de todo o que fixeron estes dirixentes durante o cargo e tamén se referencian as actividades, problemas e solucións que se fixeron no Cabo de Cruz.

Dende esta web queremos animar a todo o mundo a que se volque máis coa entidade que está a mirar polas cousas que nos afectan a todos e que vaiades ás xuntanzas. E mesmo tamén que vos presentedes ás novas eleccións.


• Noticias relacionadas en: Notas de prensa, Novas, Obras e Proxectos
Abr
22

A Casa do Mar queda baleira no Cabo da Cruz

traslado

O Ministerio de Traballo é o propietario da Casa do Mar de Cabo de Cruz, co cal xa se está a notar estes días o desaloxo en dito local por parte do Estado. A finalidade deste desaloxo, digamos que provisional é a restauración do edificio na súa totalidade. Podedes ver que xa por fóra ten falla dunha man de pintura, entre outras cousas e tamén dun lavado de cara en xeral.

Tras meses de intensivas xestións para o translado das entidades alí presentes, a asociación de veciños A Unión, veuse obrigada a desaloxar o local, tratando de buscar outra ubicación. Nestes últimos días leváronse a cabo as tarefas de mudanza da entidade veciñal e o translado foi para o local da antiga barbería que hai diante da Praza do Lorcho. O presidente explicou que voltar ó edificio do Club de Xubilados non era viable, xa que é un espazo moi reducido e non xunta as características axeitadas para o desenvolvemento da actividade da Unión.

Unha vez retirada a asociación de veciños, o único que queda no edificio do peirao é a consulta do médico que segundo explicaron dende Sanidade, non hai ningún motivo para clausurar dita consulta e isto pode seguir coa súa actividade diaria.

Fai xa tempo que se tratou o tema do peche da consulta médica de xeito definitivo na Casa do Mar, pero o concello de Boiro opúxose a tal cousa. O alcalde de Boiro, Xosé Deira, sinalou que no novo centro social hai un espazo reservado para instalar alí a consulta médica nunha mellora das condicións. Pola contra, aínda queda tempo para que as obras no edificio rematen, cousa que se preve para finais deste ano.


• Noticias relacionadas en: Notas de prensa, Novas, Obras e Proxectos
Abr
08

O pavillón de Valiño segue sen amañar

Foi no mes de xaneiro cando o temporal Flora arrasou por completo o tellado do pavillón deportivo do Cabo da Cruz, pero é no mes de abril cando aínda os nosos dirixentes non son quen de amañar os desperfectos. É moi triste e lamentable que isto estea a acontecer en pleno S.XXI, cando algo rompre ou falla e que os dirixentes estean pasando a pataca quente a ver a quen lle toca amañar. Finalmente parece que isto xa vai a ter un final, pero dende que ía ter un final ata o propio final pasaron moitos días nos que os crucenses non puidemos disfrutar dun polideportivo. Esta é a realidade.

DesacordoDespois do debate entre o concello de Boiro e a Consellería de Educación parece que as augas van amansar en canto á reparación dos danos. Finalmente parece que vai ser a Xunta de Galicia a que se responsabilice de poñerlle o tellado ó pavillón do colexio Santa María do Castro. Algo valorado nuns 120.000 €.

Pero isto non acaba aquí. Parece ser que o acordo entre o goberno local e a Xunta foi que Administración comprométese a amañar o tellado do pavillón, namentras que o concello debe facer algunha que outra mellora no propio colexio. Co cal é un novo lío para todos posto o reducido orzamento do concello para acometer tales obras.

A principal cuestión deste vaivén é que o complexo deportivo sexa utilizado polos cativos do colexio, o que indica unha clara responsabilidade da Xunta. Pero por outra banda tamén é utilizado por persoal municipal (calquera pode facer uso das instalacións), co cal esta responsabilidade sería do concello de Boiro. Aquí é un punto de enfrontamento entre os dous puntos de goberno que dou lugar a tantísimo retraso en algo moi sinxelo: amañar un tellado.

Sendo así outra nova desta web, de seguro que teremos máis deste aspecto: sen solución algunha. A data de inicio das obras aínda non está nin concretada, xa que hai cousas pendentes de resolver enriba da mesa. Agardamos que o goberno local e a Xunta se dean présa para formalizar este problema que nos afecta a tódolos veciños do Cabo da Cruz.


• Noticias relacionadas en: Notas de prensa, Novas, Obras e Proxectos
Abr
01

Apagón analóxico en Cabo de Cruz

apagon_analoxico_tv

Mozos, mozas, homes, mulleres vellos e vellas do Cabo da Cruz… Como todos ben sabedes, o apagón da televisión analóxica está preto, por non dicir enrriba de nós xa. Dende CaboDeCruz.Net queremos informarvos para os máis rezagados e perezosos de que tendes que poñer a TDT xa para que non vos colla de sorpresa este novo cambio.

Son centos os receptores de TDT que se venderon nos comercios locais todo este tempo, e foron miles de euros os gastados polos cidadáns para a adaptación das súas antenas ás novas tecnoloxías. Pero como nesta web sempre lle poñemos a pausa a todo, imos a propoñer aquí unhas preguntas fundamentais:

¿Para qué serve a TDT? ¿Por qué estaba mal a sinal analóxica de toda a vida? ¿Realmente valen a pena todas esas canles que veñen xa co TDT? ¿Por qué non temos dereito a poder escoller entre ter a TDT ou non tela? De tantos entendidos como hai, e ¿a ningún lle dou por mirar un aparello único co que poidan recibir o sinal tódalas televisións dunha casa?

Hai milleiros de preguntas que todos nos fixemos ou nos podemos facer nestes momentos, pero non imos ser os administradores de CaboDeCruz.Net os que lles deamos resposta, xa que non somos expertos na materia. Por iso mesmo, queremos comunicarlle ós crucenses que si teñen algunha resposta a estas preguntas ou algunha pregunta que queiran plantexar, aquí estamos para concluir este grande tema que nos cubre dende fai un tempo.

¿Saben tamén vostedes que existe algunha que outra canle de televisión local que non ten emisión en dixital por falla de cartos e que de momento non pode adaptarse á nova televisión? ¿A adicción da xente á televisión puido sela causa de que todos aceptasemos con agrado esta nova decisión?

Pois ben, aquí quedan estas cuestións para todos e todas vós. E ti que, xa tes o teu TDT?


• Noticias relacionadas en: Novas, Obras e Proxectos
Mar
27

Problemas coa canalización da auga ó Cabo da Cruz

agua-potable

No día de onte foi un pouco complicado transitar pola Avenida de Barraña, xa que houbo unha ruptura no sistema de abastecemento de auga. Polo que as máquinas e o persoal de obra tiveron que porse a traballar para tratar de solventar un problema no abastecemento de augas ó Cabo da Cruz.

As averías nestes temas xa son un tanto frecuentes, pois dende o goberno local indican que as canalizacións están un tanto obsoletas por non dicir podres. Pero o Concello non ficou no asento senón que plantexou un novo proxecto para repoñer as tuberías e mellorar o abastecemento á nosa vila.

Este proxecto xa foi exposto durante dous gobernos da Xunta de Galicia, pero hai que agardar a que Augas de Galicia o aprobe para comezar xa coas obras de reparación do sistema de augas.

Este problema tamén o sufren os veciños de Abanqueiro, que terán que ver tamén as máquinas na estrada que os une co núcleo urbán para poder reparar as canalizacións.

O problema non só acada o mal estado e a antigüidade das tuberías senón que a presión da auga tamén é un punto na análise do proxecto. No verán, lugares coma a Perguisa quedan cun fío de auga cada vez que se abre o grifo. Isto ven dado pola cantidade de turistas que veñen e fan que o servizo potable sexa bastante máis demandado.


• Noticias relacionadas en: Notas de prensa, Novas, Obras e Proxectos
Mar
19

Partidas orzamentarias para o concello de Boiro

No día de hoxe puidemos ver todos un comentario de dous lectores: Mary Hermo e Suso do Trisquel. Primeiramente imos ver o que nos mostrou a primeira lectora e colaboradora do Cabo da Cruz. A través dalgunhas ligazóns podedes ver o que está a facer o concello de Boiro coas partidas de cartos que a Diputación da Coruña lles dá ós nosos dirixentes. O documento é o BOP (Boletín Oficial da Provincia da Coruña) do día 22 de Febreiro do 2010. Aquí, entre outras cousas podedes ver unha morea de cartos destinados a unha finalidade concreta establecida pola Diputación.

Co cal, nesta ligazón podedes ver ou descargar o pdf co BOP dese mesmo día onde si remexedes un pouco veredes axudas destinadas a cousas coma: «Gastos en Promoción Turística», «Infraestructura e Equipamento Cultural», «Actividades de Animación Cultural», «Sala de Exposicións do Centro Arqueolóxico do Barbanza», … , «Plan de Accesibilidade Casco Urbano e Centro de Saúde». Esta última finalidade é a que a nosa amiga Mary Hermo quer recalcar debido a que os cartos dos pasos elevados non eran para poñer pasos elevados na carretera Cabo de Cruz – Boiro, senón que eran para crear un plan de accesibilidade para o casco urbano (enténdese que de Boiro) e para o centro de saúde, como podedes ver na ligazón.

Imos deixar esta cuestión no aire xa que non sabemos se o concello pode destinar os cartos a outras cousas ou similares, aportando algún tipo de xustificación ou permiso ante o organismo que concede os cartos. Co cal podedes opinar ó respeto sobre este tema dos cartos que se dan e en qué se empregan. Dende logo, se o destino destes cartos era para os pasos elevados, mal destinados están.

Logo tamén vemos como o noso amigo Suso do Trisquel nos ofertou cunha sección dun blog onde temos un video que xa vos vou a poñer aquí:

Entón agora xa temos aquí diversas opinións dos nosos lectores para que as poidades debater entre todos. Tamén vos deixo a ligazón que deixou o amigo Suso.

Agardo tamén que a xente do concello se meta aquí e opine e defenda as súas ideas. Sería o ideal ter as opinións de todos e de seguro que vos recibiremos do mellor xeito posible.


• Noticias relacionadas en: Novas, Obras e Proxectos
Mar
16

¿Están politizados os pasos elevados?

Este artigo comeza cunha pregunta clave que a moitos crucenses se nos plantexou algunha vez. ¿Está politizado o tema dos pasos elevados?, esta pregunta xurde da voz que se lle está a dar a este tema, tanto nesta web, coma nos diversos medios de comunicación, e sobor de todo, na prensa escrita.

politizar

¿Pasos politizados?

Dende o 18 de agosto, aproximadamente, temos esta nova ó lume nesta web do Cabo da Cruz, pero ata fai moi poucos días non vimos a presencia de ningún político (que non fose do goberno) na palestra social. Trala manifestación convocada pola plataforma de afectados dos pasos elevados, vemos como diversos políticos de distintas cores como poden ser Manuel Velo, ou mesmo Juan José Dieste, que se suman indudablemente a esta teima en contra do goberno local. Son os mesmos que se decantan coas súas afirmacións e posturas (igualmente válidas, por suposto) de fondo nos pasos elevados.

Entón, a pregunta é: ¿Ónde estaban vostedes cando xurdiu este tema no Cabo da Cruz? ¿Por qué non opinaron antes nos medios sobre esta cuestión fundamental para a nosa vila? Estas preguntas facíanse nalgúns lugares do Cabo por moita xente que xa ve este tema coma algo enlixado polo afán de pescar uns votos en río revolto.

Sería ideal para este medio de comunicación que xente do PP, de ICB, mostrase aquí a súa opinión ó respecto deste tema. Asi mesmo tamén quixeramos que os nosos dirixentes do goberno local (BNG e PSOE) nos adicasen algunhas liñas defendendo a súa postura. Se isto acontecese todos poderiamos ver a maneira de actuar da nosa política e dos líderes dos partidos e frentes políticos.

Pero o que si non queremos é que deste tema se faga algo co que plantexar un método político ou mesmo unha arma arroxadiza en tempos de campaña electoral. Dende CaboDeCruz.Net pensamos que o tema dos pasos elevados é algo delicado para a nosa vila e tamén algo que hai que tratar coa maior sutileza posible.

Ahí quedan estas cuestións. Por iso agardamos que a opinión dos lectores sexa fundamental para poder ver un núcleo temático dende distintos puntos de vista.


• Noticias relacionadas en: Novas, Obras e Proxectos
Mar
15

Ducias de persoas manifestáronse este sábado polos pasos elevados

Foto de Simón Balvís para a Voz de Galicia

Foto de Simón Balvís para a Voz de Galicia

Segundo os medios e as entidades pertinentes, foron ducias de persoas as que se manifestaron este pasado sábado en contra dos pasos elevados que xa tanta polémica deron nestes últimos días na nosa vila do Cabo da Cruz. O obxetivo dos manifestantes non era ser unha enorme multitude, senón facer o máximo ruído posible para que todos se dean conta do que está pasando. O percorrido foi un acto de menos a máis, pola contúnua suma de xente á protesta efectuada polos afectados.

Tras dunha pancarta que dicía: «Seguridade si, illamento non. Non aos pasos elevados«, estaba moita xente de Cabo, moita xente con negocios e mesmo responsables das asociacións empresariais do concello. O percorrido comezou no campo de fútbol de Barraña e rematou diante do concello, tras percorrer algunha que outra rúa do centro boirense. A principal reclamación dos manifestantes era que se cumprise a normativa cos pasos que xa están instalados, e non o número de pasos que houbese. Así mesmo llo fixeron saber ó edil Xosé Manuel Pérez que se achegou ó evento.

A parte de calificar a obra coma unha chapuza pola falta de sinalización dos pasos, o colectivo veciñal sinala que hai máis risco de accidente cos pasos instalados tal e como están que sen eles, xa que son numerosas as persoas que deron un chimpo no coche co consecuente risco de rompelo porque pola noite, estes pasos non están indicados correctamente. O colectivo sinala tamén que isto tan só é o comezo e que tratarán de voltar xuntarse para establecer novas protestas periódicas ata que o concello mova ficha neste tema.

En canto ós manifestantes cabe destacar a presencia de Manuel Velo, portavoz de ICB, o presidente da ABE, Carlos Rodríguez e o tesoureiro da Unión - entidade que decidiu non sumarse á protesta. Sinalar tamén que moitos comercios do Cabo da Cruz pecharon as súas portas durante a manifestación en sinal de protesta.


• Noticias relacionadas en: Notas de prensa, Novas, Obras e Proxectos
Mar
11

Avances no novo muelle do Cabo da cruz

Onte tivo lugar a xuntanza de seguimento das obras do muelle do Cabo da Cruz entre os técnicos da Xunta, os colectivos crucenses e o concello de Boiro. Apuntouse unha novidade nos traballos a través dunha técnica innovadora que vai permitir un aforro no presuposto, así coma un menor impacto ambiental e unha menor perxudicación ó medio ambiente.

enxeñería portuariaPrevia a mostra desta innovación, sinalaron que se puxeron enriba da mesa outras medidas alternativas e complementarias para concretar os obxetivos. Todo isto conclíu na colocación dunha pantalla porosa que irá acoplada nos últimos 35 metros do dique norte e estará fixada sobre unha especie de pilotes. Isto é debido ás características do terreo sobre o cal se está traballando. Con isto qué acadaremos? Pois teremos un grao de abrigo considerable cun menor custo e cun menor impacto ambiental, segundo explicaron os técnicos de Portos de Galicia.

Este sistema da pantalla non irá ata o fondo do mar como se puido pensar, xa que a pesares da súa embergadura vai permitir o fluxo das correntes para non desestabilizar así a vida mariña que transcorre por debaixo do xigante abrigo. Tamén fará que a accesibilidade á dársena de abrigo sexa maior sen ter que reducir así o abrigo proporcionado dos ventos do norte.

Como innovación, o porto do Cabo da Cruz, vai ser o pioneiro en Galicia con esta nova estructura tecnolóxica, posto que supón un avance na enxeñería portuaria. E se cadra, a meirande característica é a adaptabilidade, posto que se o «invento» non dá resultado, pode quitarse e deixar o muelle como está para poder facer o abrigo de materiais naturais coma ata o de agora.

Fixación de prazos

Todo isto non vai perxudicar en absoluto ós prazos prefixados no proxecto, indicando así dende a consultoría de Portos que o abrigo estará feito a finais deste ano e reducindo o seu custo case á metade do previsto ó inicio do proxecto. Para rematar a obra en sí, aínda quedan moitas cousas por facer que se irán implantando nestes anos vindeiros como a dotación dos servizos necesarios e a instalación dos pantaláns de atraque. Isto úlitmo será a finais do ano 2011, namentres que en xuño do 2012 xa poderemos dicir que no Cabo da Cruz temos un porto deportivo.


• Noticias relacionadas en: Notas de prensa, Novas, Obras e Proxectos