Sigue nuestro Feed RSS   CabodeCruz en Facebook   CabodeCruz en Twitter  
Xan
04

Os orzamentos das obras do porto de Cabo de Cruz non teñen respaldo por escrito

Foto de Simón Balvís

Eran consecuente a preocupación do rexidor local, Xosé Deira, ante as previsións das obras no novo porto de Cabo de Cruz. Apalabrados están ó pé duns cinco millóns de euros que Portos de Galicia pretende destinar ás obras, pero segundo os documentos firmados hai unha cantidade máis baixa. O alcalde mostra un fío de preocupación porque eses cartos se invirtan realmente este ano en Cabo de Cruz e así llo fixo saber a Álvarez Campaña (presidente de Portos).

Dende a entidade da Xunta afirmaron que aínda que non estean escritos tales cartos, dan a súa palabra para cumprilo acordado, posto que neste ano tampouco se acordou unha cifra e fixéronse obras con cartos non orzamentados. Por outra banda, o tenente alcalde Ares, mostrouse un tanto máis confiado na inversión, tras afirmar que: «Estes cinco millóns do 2011 non están reflectidos nos orzamentos, pero confío no compromiso que acadou con este goberno local o presidente de Portos de Galicia e espero que se cumpra o cronograma que nos deixaron».

En fin, baseándonos na confianza da palabra dos dirixentes da Xunta, agardamos que neste novo ano 2011 se acaden os obxectivos en Cabo de Cruz e que teñan unha cifra de cinco millóns. Por outra banda, o que se destinou nun principio a esta macroobra foron 23,1 millóns de euros, dos cales 12 xa se invertiron no ano 2010, 5 neste novo ano e quedando así para o treito final os 6,1 millóns restantes.

Este ano tocará ordenar os pantaláns para barcos de pesca e marisqueo e no último ano da obra serán as instalacións náutico-deportivas as que concluirán a inversión. O prazo estipulado polos técnicos é que no mes de xullo do ano 2012 xa poidamos contar cun novo porto tal e como prometera o actual goberno na chegada ó poder.


• Noticias relacionadas en: Notas de prensa, Novas, Obras e Proxectos
Nov
10

Augas residuais no río Breiro en Barraña

Foto de Simón Balvís

Foto de Simón Balvís

Como se pode observar na imaxe, estas augas presentan unha cor branca moi distinta á do caudal que debería de ofrecer este río ó seu paso por Barraña. Unha vez máis, os veciños deron a voz de alarma voltando así a poñer en mans do concello esta desagradable situación. Dende a entidade local sinalan que se trata de casos illados, pero segundo as queixas veciñais indican que estes vertidos xa se levan producindo con frecuencia.

As alarmas saltaron onte ó mediodía cando nunha pasarela ó pé do polideportivo municipal, se podía contemplar esta imaxe, e porque no retrato non se presenta, pero tamén se desprendía un desagradable cheiro. Os veciños tamén indican que case con toda probabilidade esta porquería procede da rede de saneamento.

Pero a voz do concello chegou da man de Ares que indicou que se podería relacionar co saturamento do bombeo da rede de alcantarillado debido ás fortes choivas que caeron na comarca estes días. Relacionou tamén as obras no alcantarillado de Barraña e mesmo afirmou que cando a obra estea lista «este tipo de situacións non se volverán producir».

Asimesmo tamén explicou que o proxecto que se está a executar en Barraña e que obrigou a levantar parte do paseo marítimo para retranquealas canalizacións do alcantarillado e retirara varias tubaxes da praia, será ampliado de modo que tamén se actúe na zona afectada polo río Breiro. Non estaba previsto actuar nesta zona, pero debido á cantidade de tuberías que hai neste punto, vaise a modificar o trazado das canalizacións para evitar novos vertidos.

Como o saneamento do concello de Boiro non é separativo ó 100% na súa extensión, é o que provoca que cando chove con intensidade, os pozos de bombeo acaben por botar por fóra e isto explica a razón pola que os veciños afirmaban que o de onte non foi un caso illado. Tamén preto do antigo muelle de Chouza se teñen producido algún tipo de verteduras ó mar coa consecuente queixa dos mariscadores ó respecto.

Dende o colectivo veciñal, agardan que canto antes se lle dea unha rápida solución a este tipo de problemas, pois é algo negativo para Boiro ver un vertido nun río, e que por enriba desprende cheiro. A parte disto, as autoridades locais, sabedoras do asunto, non dubidan en zanxalo problema canto antes e da maneira máis efectiva para que casos coma este non se volvan a repetir.


• Noticias relacionadas en: Foto Denuncia, Notas de prensa, Novas, Obras e Proxectos
Nov
05

A renovación do abastecemento de auga para Cabo de Cruz non será ata 2012

AugaPotable

É un dos proxectos sobre Cabo de Cruz, dos que máis se falou no concello de Boiro ata os días de hoxe para tratar de renovar o abastecemento de auga potable que nos chega a Cabo de Cruz e que en moitas ocasións é escaso e ineficiente. Pero Augas de Galicia, co actual goberno da Xunta ó cargo, négase a continuar coa subvención que había para darlle continuidade a este proxecto. Despois disto, os prazos que estaban fixados dende un primeiro momento serán botados por terra tras esta nova que chega dende arriba.

O concello de Boiro petou varias veces na porta da Administración para tratar de rematar esta obra cando estaba previsto e deixar así un servizo fundamental para Cabo de Cruz listo e funcionando correctamente. Ó parecer, o anterior goberno da Xunta comprometérase a asumir esta obra, pero coa chegada da crise e dun novo goberno, o executivo galego di que a obra non poderá ter lugar ata o 2012.

Os ediles boirenses, Juan Jesús Ares e mais Xoán León xuntáronse co presidente actual de Augas de Galicia, Francisco Méndez para tratar esta cuestión. Pero a resposta foi concisa por parte do dirixente da Xunta sinalando que será imposible acometer a obra durante o exercicio do 2011, co cal os crucenses teremos que agardar como mínimo ata o ano 2012 para ter un servizo de augas digno do primeiro mundo. Ares afirmou que non ten sentido facer a primeira fase da obra sen poder facer agora a segunda, tras unha decepción por parte de Augas de Galicia.

Concretamente, a actuación do goberno de Boiro era destinar preto dun medio millón de euros para tratar de renovar e reforzar a tubería que manda auga para Cabo de Cruz, pois son numerosas as veces que esta rompe deixándonos desabastecidos por completo. É tanto que nun mes, esta tubaxe chegou a romper ata tres veces.

Unha vez máis, quedamos no vagón de cola en canto a servizos básicos negados polos dirixentes da Xunta que nos negan algo fundamental como é un servizo de auga potable digno dunha vila como é Cabo de Cruz.


• Noticias relacionadas en: Notas de prensa, Novas, Obras e Proxectos
Set
18

Oxe, 18 de setembro, asamblea da Unión pola Ordenación do Litoral

OrdenacionDoLitoral

Este sábado ás 18:00 h. terá lugar unha asemblea da Unión no local de AMC (no peirao) para tratar o tema do famoso Plan de Ordenación do Litoral (P.O.L.) que deixa a todo este pobo nunha situación tremenda; espero que acudan todos.

Estas son as palabras de Mary Hermo que nos informa da xuntanza de oxe nun tema clave e fundamental para o desenvolvemento da nosa vila. Porén, dende CaboDeCruz.Net queremos animarvos a acudir a dita xuntanza para que cada un mire polo futuro das súas terras e entre todos miremos polo ben común de Cabo de Cruz.

A día de hoxe, hai moi pouca xente que estea ó tanto do que significa isto da Ordenación do Litoral e do que vai repercutir en Cabo de Cruz. Pero tamén é certo que hai moita xente que está afectada por estas normas que rexirán o sustento da vila de cara a un futuro non moi lonxano.

Por iso, debemos acudir todos e todas a esta asamblea para que este tema sexa cousa de todos. Non faltes!


• Noticias relacionadas en: Novas, Obras e Proxectos
Set
08

O remate do Centro Social de Cabo de Cruz acórdase cun convenio entre o Concello e a Diputación

Obras-Centro-Social

Onte firmaron un convenio de colaboración Salvador Fdez. e Xosé Deira actuando como presidente da Diputación e alcalde de Boiro respectivamente para dar por rematado o Centro Social de Cabo de Cruz. Destinados a tal fin puxéronse en acordo uns 800.000 € cos que se cubrirán os gastos da segunda e da terceira fase do local. Dese orzamento, case 100.000 € irán destinados ó mobiliario das instalacións coma para a cafetería, a sala adicada ós maiores, aulas, biblioteca, etc.

Pero antes de instalar os mobles é preciso rematar o que se comezou como pode ser a instalación eléctrica, os traballos de fontanería e ventilación, a colocación de barandas, portas e cristaleiras interiores, ou botar o pavimento das tres plantas do edificio. Repartidos nos máis de 4.000 metros cadrados do centro haberá, entre outras cousas, un salón social, un salón de actos, aulas, cafetería, sala de exposicións, etc.


• Noticias relacionadas en: Novas, Obras e Proxectos
Ago
06

Porto de Cabo de Cruz, un referente na vela galega

Foto de Dani Gestoso

Parecía un soño, un raio de sol perdido, un conto das rúas, das xentes, pero nunca unha realidade. O certo é que estamos a ver unha das obras de impulso de Cabo de Cruz máis grandes de toda a historia local. Imos a ser un referente, un punto de encontro en Galicia e unha visita obrigada para embarcacións de todo o globo. O que parece ser que somos é a referencia náutica no Concello de Boiro. En números estamos a falar dunhas 750 prazas de amarre sumadas a unhas instalacións que darán cabida á mellor escola de vela de Galicia.

Estas son as espectativas do Club Náutico de Boiro que contará coa colaboración do Centro Internacional de Navegación da Arousa (CINA), unhas das escolas clave no Estado español que leva case un lustro dando formación a regatistas en tódolas categorías e clases.

Cando rematen as obras no dique de abrigo da dársena dará comezo o proxecto da escola. Así se fixo saber na xuntanza deste pasado fin de semana na que as caras de entusiasmo fixéronse notar no seo do local. E que Cabo de Cruz é un lugar que conta cunhas características clave para a execución deste proxecto, así coma as augas que nos bañan, perfectas para a práctica dos deportes e actividades do mar. Por iso as entidades locais pensan que co respaldo doutras institucións de fóra farán que esta iniciativa saia adiante con máis forza.

De feito, a CINA, socia do Club Náutico de Boiro xa anunciou a inclusión na súa oferta formativa, diversas actividades na dársena crucense e mesmo propóñense traer alumnos de Madrid e Valencia ata Cabo de Cruz para tal fin. Asi mesmo, esta entidade afirmou levar o nome da nosa vila non só pola xeografía española, senón atravesar fronteiras e amosarlle as nosas instalacións a países coma Francia e outros moitos.

A entidade boirense pretende captar socios con esta situación e anuncia que a cota manterase ata setembro para que por só 60 euros, os socios poderán optar a un amarre dos 150 que hai previstos para a primeira fase do proxecto.


• Noticias relacionadas en: Notas de prensa, Novas, Obras e Proxectos
Xuñ
18

As obras no novo porto de Cabo de Cruz levan retraso

construccion

No día de onte houbo unha xuntanza entre os técnicos de Portos de Galicia, as entidades de Cabo de Cruz e mais os rexedores locais, alcalde e tenente alcalde. Na reunión tratáronse varias cousas, pero a principal foi o pequeno retraso que parecen levar as obras do porto debido a varios obstáculos que xurdiron tralo plantexamento dos prazos estimados.

As explicacións de Deira e de Ares foron que a ampliación da escollera tiña que dar remate nestes vindeiros meses de xullo e agosto, pero iso non será posible ata polo menos o mes de outubro según as explicacións dos técnicos. Pero aínda así a xente saíu convencida de dita reunión, xa que se explicaron punto por punto os pasos que levamos dados e os que se darán desta obra.

Sigue leyendo… »


• Noticias relacionadas en: Notas de prensa, Novas, Obras e Proxectos
Xuñ
06

Xuntanza sobre o Plan de Ordenación do Litoral de Cabo de Cruz

CostaCrucense

Despois de moitos días comentando as novas eleccións da asociación de veciños de Cabo de Cruz, A Unión, queremos informarvos (para os que non o saibades) que segue a mesma directiva que estaba antes. Un equipo case igual, coa excepción de cambio de tesoureiro.

Entre as novas actividades propostas por esta directiva nesta nova etapa de mandato está a de facer unha xuntanza con tódolos veciños de Cabo de Cruz para tratar un tema tan delicado como é o POL (Plan de Ordenación do Litoral) da nosa vila. Estase a preparar de cara as vindeiras xornadas unha rolda informativa para tódolos veciños que queiran asistir á asamblea na que se tratarán as costas de Cabo de Cruz e da parroquia do Castro.

Agárdase a máxima asistencia a tódolos veciños para que non haxa preguntas do tipo: E qué dixeron onte? Sabes algo do que se dixo? E a partires dahí comecen a circular as bolas de neve de mentiras, de «disques» e outras cousas que adoitan pasar pola desinformación da sociedade. Porén, dende CaboDeCruz.Net queremos animarvos a todos e todas a interesarvos polos temas que vos afectan, que nos afectan.


• Noticias relacionadas en: Notas de prensa, Novas, Obras e Proxectos
Mai
20

Novo paseo marítimo para Cabo de Cruz

paseo_maritimo

A recuperación da fachada marítima de Cabo de Cruz é un obxetivo fixado polo goberno do concello de Boiro, xa que as primeiras iniciativas xa se tiveron coa rexeneración da Ribeira Grande, onde se adecentou a zona para que se poida disfrutar da nosa costa. As vindeiras actuacións serán no tramo que une Subuqueiro con Curbera. Todo comezou coa construcción do novo porto e prevese que se remate cun proxecto que abarque toda esta zona de litoral.

O proxecto vaise a levar a cabo en dúas fases distinguidas, segundo explicou Ares. A primeira será a mellora do entorno da dársena crucense, así coma o aproveitamento dos traballos de urbanización deste proxecto que está a facer a entidade de Portos de Galicia.

A intención é aproveitar o recheo que se fixo para o paso dos camións en Subuqueiro para poder establecer unhas zonas verdes que impliquen un pequeno paseo dende o novo muelle ata Curbera. Asi mesmo, daráse tamén servizo ó novo porto  deportivo aínda en proxecto. Rafael Eimil, Xefe de Demarcación de Costas, xa dou unha opinión favorable sobre este novo proxecto que nos brinda o concello.

A segunda parte do proxecto será a que máis ten que ver con este novo paseo polo litoral de Cabo de Cruz. O goberno tratará de facer un estudo que permita crear unha pasarela polas augas do Corviño e que dea a sensación de que a nosa vila ten unha costa para disfrutar, como acontece en diversas localidades do Barbanza.

As propiedades que dan coa beirada do mar son privadas, que cadran coas hortas das casas do Corviño, pola parte do mar. O estudo a realizar tratará de dar ó paseo marítimo derribando algunhas pequenas construccións como poden ser algún capoeiro ou galpón que poida interromper o desenvolvemento do novo proxecto.


• Noticias relacionadas en: Notas de prensa, Novas, Obras e Proxectos
Mai
10

As obras do Centro Social de Cabo de Cruz rematarán dun plumazo

Obras Centro Social

As pesquisas inciais eran facer a obra do novo centro social en tres fases ben distinguidas entre sí, pero agora cambiar as tornas e as dúas últimas fases vanse a rematar á vez.

Fai uns días, o alcade de Boiro, Xosé Deira, explicou que foi a Diputación a que vai a financiar as obras e que decidiu xuntar as dúas últimas fases de execución para darlle remate dunha forma conxunta. Segundo os prazos previstos polas entidades, as obras chegarían a acadar os 900.000 € e van saír a concurso neste vindeiro mes de xuño. Ditos cartos hanse cubrir a través dunha subvención concedida pola Ditupación Provincial.

As derradeiras intervencións consistirán en darlle os últimos retoques á obra tratando de acondicionar o exterior do edificio e rematar o pouco que falta no interior. Isto é o que sería a segunda fase, namentres que a terceira fase sería a dotación do centro do mobiliario correspondente para poder desenvolver as actividades pertinentes.

As dificultades para a posta en marcha desta nova e moi boa iniciativa do concello de Boiro, son as travas que hai para conseguir fondos para rematar xa as obras. O goberno local tivo un grande acerto en Cabo de Cruz dotándonos de algo fundamental para a nosa vila, o segundo núcleo urbán do concello.

Unha das utilidades que se lle dará ó novo Centro Social de Cabo de Cruz, será a de poñer o consultorio médico nas novas instalacións, ademáis de tamén instalar aquí a nova sede da asociación de veciños A Unión.


• Noticias relacionadas en: Notas de prensa, Novas, Obras e Proxectos