Sigue nuestro Feed RSS   CabodeCruz en Facebook   CabodeCruz en Twitter  
Dec
23

O Castro do Achadizo

Como non podía ser doutro xeito, entre tódalas cousas que podes atopar en Cabo de Cruz, está o Castro do Achadizo.

Castro do Achadizo

Vendo asentamentos coma os Castros de Neixón, ou coma os Castros de Baroña, é doado afirmar que no Campo, último recuncho lambido polo mar de Cabo de Cruz, existisen asentamentos castrexos. Pois esta xente buscaba lugares altos rodeados de mar para poder defenderse, e tamén ter así un sustento alimenticio como é o marisco e o peixe das nosas rías.
Como se pode apreciar, as construccións eran circulares feitas en pedra e
cubertas cun tellado de palla axudado con bigas de madeira para poder darlle forma a unha edificación que hoxe en día dista bastante da arquitectura da Idade Moderna.

Castro_Imaxe1

A actividade arqueolóxica destes castros data do ano 1984 por parte do profesor Vázquez Varela. Sería sete anos despois en 1991 cando o arqueólogo A. Concheiro comeza unhas escavacións atopando materiais cerámicos, restos de mamíferos coma ovellas e cabuxas, cans e algún que outro animal doméstico que facían deste lugar un fogar para os ancestros castrexos. Tamén se atoparon restos de mariscos coma mexillóns, ameixas e incluso ostras, xa que as xentes dos castros alimentábanse deste tipo de especies.

Castro do Achadizo
Entre as pezas descubridas atopamos ferramentas coma punzóns feitos de osos de animais, agullas e incluso peines que facían que aqueles homes e mulleres estivesen tamén guapos para as súas ocasións.
Castro do Achadizo
Tamén cabe destacar os restos cerámicos que tras varios estudos realizados, podemos concretar que datan dos séculos IV, ata o I antes de Cristo, que se corresponden coas fases Media e Final da evolución cerámica da cultura castrexa.

Entre o ano 1991 e o ano 1994, lévanse a cabo unhas excavacións baixo o mandato do arqueólogo Concheiro que nos mostra tamén a secuencia ocupacional iniciada nos primeiros chanzos da Idade do Ferro perdurando así ata a época dos romanos.

Na actualidade, estes castros atópanse nun estado de conservación visible, xa que están rodeados de edificacións particulares, debaixo das cales, é posible que haxa máis restos das nosas orixes.


• Noticias relacionadas en: Curiosidades, Novas
Set
21

Chemtrails en Cabo de Cruz

Parece cousa de Iker Jiménez, pero non, en Cabo de Cruz tamén se detectan casos de Chemtrails. E qué é isto? Pois como eu non teño moita madeira de comunicador, quén mellor có home do misterio da pantalla estatal. Aquí tendes unha explicación do que pode ser este femómeno que aconteceu na nosa vila:

Como podedes obervar pode ser algún tipo de control sobre o clima, disolución de nubes, provocación de choivas, expansión de enfermidades, etc. Son moitas as atribucións que se lles fan a este tipo de fenómeno, pero sempre quedaremos coa dúbida aquí, enriba de nós, no ceo de Cabo de Cruz. E para qué contar isto se non temos probas gráficas? Pois aquí tendes:

Estes retratos foron tomados como podedes ver na carretera que une Boiro con Cabo de Cruz, á altura de Xión chegando a Cariño, e os outros foron tomados na recta da Silvosa que une a Fonte de Mouro co Chazo. O día foi o 10 de setembro de 2010 de cara ó mediodía. E como podedes observar, isto non pasa só en Castela León como indica Iker, senón que tamén pasa moi preto de nós, nada máis e nada menos ca por enriba das nosas cacholas.

Qué é isto? Todo un misterio para a reflexión dos crucenses. Aquí queda.


• Noticias relacionadas en: Curiosidades, Novas
Mai
30

Os aliens chegan a Compostela. 2ª parte.

Como o prometido é débeda, e en CaboDeCruz.Net non fallamos, aquí tendes a segunda entrega da reportaxe: Os aliens chegan a Compostela. Onde se asegura que a través duns implantes cerebrais, unha persoa pode chegar a sacarse a carreira de Enxeñería Industrial sen apenas estudar. Toda unha proeza destes extraños visitantes. Para que o comprobedes por vós mesmos, aquí téndela proba:

A sonda anal parece a solución a moitos dos nosos problemas e preocupacións. Non ter que estudar tanto, non tomar bífidos para ter unha mellor saúde, etc. son innumerables os beneficios destas terapias doutros planetas. Como ben é certo, cada un ten a súa opinión ó respecto e porén agardamos que aquí nola deixedes.


• Noticias relacionadas en: Curiosidades, Novas
Mai
28

Os aliens chegan a Santiago de Compostela

Nestes días demos outra marea polas redes de Youtube e atopamos algo sorprendente que non escoitáramos anteriormente. Algo digno de ver e escoitar. Hai quen asegura que tomou caña de herbas cos extraterrestres ou mesmo se fala dunha sonda anal. Para que o vexades claro, aquí vos poñemos este video do presidente da asociación de abducidos de Compostela que  non ten desperdicio algún. Dentro vídeo:

Como vedes, non hai que ter medo a ser abducidos pola xente que non é deste planeta, xa que nos ofrecen un trato excelente. Para rematar esta pequena reportaxe, de contado ides ver a segunda parte deste video. Xentes de Cabo de Cruz, non deixedes nunca de mirar ó ceo, pois pode ser que alguén nos estea observando.


• Noticias relacionadas en: Curiosidades, Novas
Mai
13

Atopamos ó home das barriñas de Kinder, é de Cabo de Cruz

kinder

Non busquedes máis, por fin xa o demos atopado. É o neno que un día saíu no anuncio das barriñas Kinder e que marcou un punto na nosa infancia ata o día de hoxe. O outro día, baixando pola costa da Silvosa, vimos moverse algo nuns arbusto. E quén era? Era o (agora) home das barriñas de Kinder.

Sacámoslle unhas fotos para que o vexades, e logo tamén o amañamos un pouco para que quedara ben na foto que aquí vos mostramos. Non é broma algunha, aquí o temos. Despois de tratar con el, soubemos que vive nun dos caixóns da batea que hai na ladeira e que se alimenta do marisco que recolle na praia (e despois votámoslle a culpa ós furtivos).

Despois de tantos anos de escuridade, aquí o tendes. Chámase Guenter Euringer, naceu no ano 1963 en Alemaña e decidiu saír do anonimato publicando a súa biografía «O neno de chocolate«, no que se descubre coma o neno dos dentes perfectos e a cara anxelical de Kinder.

Xa vedes que Cabo de Cruz dá para moito e sobre todo nestas curiosidades que a todos nos picaron algún día e que aquí sempre vos revelamos. E ti, se tes algunha nova curiosa ou algo que nos queiras contar, anímate e contacta con nós!


• Noticias relacionadas en: Curiosidades, Novas
Mar
03

CaboDeCruz.Net atopa a solución ós pasos elevados

Bueno, bueno, bueno, xa vexo que o tema dos badéns é un tema delicado no Cabo da Cruz, pois nunca un tema dera tanto de sí, polo menos nesta web. Vin as diversas opinións da xente desta web: Porrón, Terra Barbança, Alber, Certo, etc. E agora vou a propoñer eu a solución a todo isto. Trátase dun radar de última xeración co máis sofisticado sistema de mobilidade. Pode coller tanto ós coches que veñen coma ós que van, non hai quen se poida librar desta máquina. Sen máis, déixovos co video:

Tamén agradecerlle a José Antonio Cortizas Vázquez, de Mugardos, que nos informou da existencia deste simpático video que podedes ver.

Agardo que con isto, o concello saiba de que existe este sistema máis barato e moi eficaz que de seguro vai frear ós coches pero de golpe. Poderíase poñer no medio dun radar destes un real para que a xente se deteña en todos. Isto supón unha solución e a creación de novos postos de traballo.


• Noticias relacionadas en: Curiosidades, Novas, Obras e Proxectos
Feb
28

Mamá! Eu quero ser diputado.

Parlamento

Señoras e señores, quén non quer ser diputado co que está pasando hoxe en día neste sector? Fai uns días saltaban tódalas alarmas pola chea de dietas e cartos de máis que cobran os diputados do noso Parlamento galego (entre outros). Pero isto ten algo de especial e hai unha diferencia avismal entre ser diputado ou non selo. E para iso aquí hoxe tan só imos reflexar unha delas: os cobros por desprazamento ó traballo.

Sabe alguén canto cobra un diputado por ir ó seu traballo? a cifra de 0.26 € (segundo La Opinión da Coruña) ou 0.27 € (segundo La Voz de Galicia) por cada quilómetro percorrido. E saben as trampas que hai en todo isto? Aquí as imos a expoñer.

Para comezar, qué traballador cobra o desprazamento por ir traballar? Pois non creo que sexan moitos, xa que un diputado, ben vaia en coche propio, en taxi ou en transporte público cobra sempre por ir traballar.

Agora veñen as trampas dalgúns dos nosos dirixentes:

1. Se eu vivo preto de ti, lévoche no coche e pedimos a indemnización por separado a pesares de que tan só levamos un coche.

2. Aínda que eu non teña carnet de coche pido os cartos alegando que vou no meu propio coche.

3. Se eu para chegar mellor ó traballo vivo en Santiago de Compostela e son do Cabo da Cruz, pois digo que vou tódolos días dende o Cabo da Cruz a traballar ó parlamento. (0.27 x 50 km (aproximadamente) = 13.50 € cada día aparte peaxe da AP-9).

E así unha morea de trampas que os listos de turno que nos representan fan para roubarlle ó pobo o máixmo de si. Aclarar tamén que non tódolos diputados son iguais e dicir que hai xente digna que realmente vai no seu coche a traballar ou ben no autobús. Non por isto imos  a meter a todos no mesmo saco.

Agora parece que a señora Pilar Rojo, presidenta do noso Parlamento galego quer tomar cartas no asunto para facer o máis transparente posible este asunto das dietas. Porén, segundo o diario La Opinión da Coruña, cada parlamentario galego cústalle ás arcas públicas a cifra de 286.920 €. Nada mal para ter todo gratis, pero señores, non se alarmen, pois din que somos dos máis baratos, porque un parlamentario catalán custa unha media duns 571.900 €.

Xa vedes, con estas cifras calquera non se mete á política. Pero agora queremos facer un contraste. Ante a actual crise do Estado español, o goberno propón unha serie de medidas como poden ser a de traballar ata os 67 anos. Cousa que isto é agora, pero os que teñades por exemplo uns vinte anos preparádevos para traballar ata morrer. Entón, a ningún intelectual do Parlamento se lle ocorreu rebaixar ou anular estas dietas? A ningún se lle ocorreu baixar o seu soldo?

Pois non señoras e señores, aquí pagamos os de sempre, os de abaixo. Mentras os de arriba teñan cartos e os de abaixo pensemos que estamos un mundo de ben, aquí todos contentos e bailando. Pero ollade unha cousa: en España hai uns 4.000.000 de persoas en paro, logo cando ese paro se acabe (segundo a cotización de cada traballador), e se acabe o pouco que queda, de qué van a vivir esas persoas? Qué lle darán de comer ós seus fillos? Si, queda o que todos estades pensando: roubar.

Isto lamentablemente é así. Cada cal que reflexione sobre este artigo porque nel hai moitas cousas que nos farían pensar á hora de escoller a quen nos goberne. Sen máis, tan só vou dicir unha cousa: Mamá, eu quero ser diputado!


• Noticias relacionadas en: Curiosidades, Foto Denuncia, Notas de prensa, Novas
Feb
25

Preto do 30% do software vendido en Galicia é ilegal

O xigante da informática, Microsoft, pon de manifesto que a comunidade galega é a cuarta comunidade española máis ilegal coa venda de software. Aínda que a nivel global, a piratería de programas informáticos descendeu nun 1,7 %, a empresa ianqui segue levando ós tribunais a moitos vendedores de software galegos.

O método de averiguación dos locais que fan vendas ilegais é moi sinxelo. Nada máis que facerse pasar por un cliente normal que quere adquirir un ou máis productos de Microsoft e ver o modo de actuación do vendedor. En preto de 70 visitas que fixeron a distintos distribuidores galegos, resultou que en 20, a legalidade era nula. Dende o ano 2006, a piratería en Galicia baixou máis dun 25 %, pero aínda así, a empresa fundada por Bill Gates ten enrriba da mesa máis de dez xuízos contra a distribución ilegal dos seus productos.

E isto en qué nos pode afectar á xente do Cabo da Cruz? Pois moi sinxelo. Calquera de nós vai a mercar un ordenador portátil a calquera tenda. O normal que adoitan facer os vendedores é pedilo ó seu proveedor e que o ordenador veña xa de fábrica con software orixinal instalado. Pero como somos algo fozóns e pensamos que un pc é un saco sen fondo, a cousa comeza a ir lenta, a colgarse e a darnos algún que outro susto coa perda de datos. Solución? Levalo á primeira tenda que podemos ter en Boiro ou arredores.

Entón o vendedor, pregúntanos se temos algo importante que gardar no pc e fai algo que está moi mal feito que é formatearnos o noso equipo, deixándonos sen nada do que tiñamos antes. Pero ollo! o software que nos mete é legal? Iso sábese moi ben no prezo que nos cobra. Normalmente, por formatear unha máquina cóbranse uns 30 €. Uns poden cobrar 40 € e outros ata 50 €. Pero… O sistema operativo que nos mete, custa tan só 50 €? Pois non señores, unha licencia dun sistema operativo individual coma o Windows 7 custa ó pé dos 200 €.

Daquela, cómo nos sae tan barato amañar o pc? Señoras e señores, miren ben o que fan cos seus equipos e pidan sempre facturas, por si algún día lles piden contas do software instalado, teñan vostedes a quen culpar. E sobor de todo, se o ordenador está en garantía, léveno á súa tenda de compra.

software libre

Son consellos que á xente do Cabo da Cruz, pensamos que lles poden vir bastante ben, porque coa lei xógase unha vez, dúas e as veces que un queira, pero cando toca, toca. Instalen software libre coma Ubuntu, totalmente gratuíto e que lle mandan o software por correo postal á súa casa sen custo algún. Adáptense ás novas tecnoloxías, que se é doado andar no Tuenti ou no Facebook, os sistemas Linux son doados e con menos virus.


• Noticias relacionadas en: Curiosidades, Notas de prensa, Novas
Feb
18

Ollo coas garantías de compra

¿Tes un producto en garantía e non cho cambian se está mal? ¿Hai un vendedor que se escaquea das súas responsabilidades? Entón este é o teu artigo!

Vou redactar este artigo coma algo útil para todos vós que de seguro que fai pouco mercáchedes unha televisión, un mp3, unha videoconsola, etc. Calquera producto vale para que o vendedor se lave as mans co consumidor ante o desamparo deste último en moitas ocasións. Para elo, unha experiencia persoal:

Certo día merquei un televisor que aínda hoxe está en garantía, e tiven un erro que moitos seguro que cometedes. O erro é que o aparato falle nos primeiros seis meses dende a súa compra, e que o vendedor me diga: «Pois hai que amañalo, léveo ó servizo técnico». Pois non señor, non é así, xa que se un producto nos seis primeiros meses dende a súa compra, dá algún tipo de fallo, debe ser sustituído polo vendedor obrigatoriamente sen ningún tipo de problema atribuíndo á devolución un defecto de fábricación.

Eu, tiven a desgraza de non saber isto daquela e leveino a amañar ó servizo técnico. Pasou todo, veu ben amañado da súa reparación ata case un ano despois que volta a fallar o televisor. Daquela, volvo ó serivzo técnico e dígolles o que me pasa. Alí queda ata que me chaman dicindo que xa está reparado e que podo pasar a recollelo en canto queira. Para a miña sorpresa, o aparello non foi amañado correctamente, pois volvía fallar. Volta ó serizo técnico e volta a comezar. Logo de levarllo dinme que o aparello está ben e funciona correctamente.

Entón agora é cando decido ir ó vendedor, explicarlle o problema de que xa o levei tres veces a arreglar e que quixera que me cambiasen o producto, pois pasada a garantía o vendedor lávase as mans con todo. Pero para a miña sorpresa, un home da superficie comercial onde o merquei, moi traxeado el e nun castelán implacable dime que por lei non está permitida a sustitución, que o que me queda é a reparación (outra vez do mesmo). Ante tal situación, un di: «Carallo, este debe de ter ata estudios! Déixame calar», pois non señores, este home é un burro e un incompetente no seu traballo, pois como podedes ler aquí, non ten razón ningunha, porque segundo a Ley General para la Defensa de los Consumidores y Usuarios quítalle todo tipo de razón ó vendedor.

Pero como a lei está ó alcance de todos, e as distintas oficinas de atención ó consumidor tamén, pois decidin corroborar a información do vendedor. Para elo engado a webgrafía:

Páxina da oficina do consumidor da cidade da Coruña. (No concello de Boiro tendes unha oficina).

Organización de Consumidores y Usuarios.

Unión de Consumidores de Galicia.

Entón, estas tres entidades danme a razón, e para que vexades, vou engadir o mail de contestación da UCGAL en base ó meu problema:

Demostrada a existencia dunha falta de conformidade do televisor, como foi neste caso e intentada a reparación sen que ésta teña éxito xa se pode optar pola substitución do equipo ou no seu caso incluso a resolución dos cartos (se non houbese outro igual ou non se chegase a un acordo de cambio por outro similar ou superior). É máis, non é preciso que a segunda falta de conformidade (fallo) sexa o mesmo que a vez primeira.
É convinte ter en conta cando se produciu a primeira avaría, xa que si aconteceu nos primeiros seis meses desde a compra (ver o xustificante de entrega para reparación en relación coa factura ou tique de compra) a Lei presume que o problema é de orixe e non tería vostede que demostrar nada máis sobre a natureza do problema.
Ante a negativa de  EmpresaX deberá vostede pedir unha folla de reclamación que deberá tramitar ante a Administración de Consumo da Xunta de Galicia (Monelos, 2º Andar) xunto co xustificante de compra e os xustificantes de entrega para reparación.

Posteriormente fun á oficina do consumidor da Coruña a poñer unha queixa na que debin adxuntar a garantía de compra, aínda en vigor e as facturas das reparacións. E outra cousa, aínda que o televisor estea en garantía, o servizo técnico debe por lei de entregar factura de reparación ó consumidor, e cada reparación irá nunha factura individual, cousa que este servizo técnico non fixo, e logo de pedirllelas facturas doume conta de que nunha soa factura meten dúas reparacións.

NOTA: Enténdese por reparación a acción de acudir ó servizo técnico aínda que non lle fagan nada ó producto en cuestión.

Entón, logo de por a queixa, eu voume a quedar sen poder disfrutar da miña televisión, sen os cartos que me custou, e sen que ninguén me pague os desprazamentos feitos por mor das reparacións. Porén, outra información máis que cabe destacar:

Si o producto non vale máis de 900 €, o que se pode facer de maneira totalmente gratuíta é establecer unha demanda nun xuzgado cun avogado asignado para o consumidor e levar así o caso ante os tribunais. Isto serve para unha cousa, para que nos indemnicen por danos e perxuízos que sería o estar sen televisor todo este tempo (mentras se tramita a queixa) e tamén o desprazamento que tiven que facer eu do meu peto para andar acarrexando co producto.

Pois como podedes ver, unha vez máis, a vida está chea de trampas, de xente que non ten nin idea do que está a falar, de incompetencia nos traballos e de moito máis. E segundo uns datos, poño no voso coñecemento de que existe unha tenda de electrodomésticos en Boiro que baixa os prezos por peche. Xa houbo quen mercou unha televisión defectuosa e tivo problemas, e pensade tamén: Se unha empresa pecha, ¿quén responde polo producto no prazo da súa garantía? Ollo ó piollo!

E ti, sexas de Boiro, da Coruña, do Cabo da Cruz, ou de Coristanco, se tes algunha anécdota similar podes contárnola sen problema, e podes contactar con nós para poñela aquí. Si che dá vergoña, estamos dispostos a preservala túa identidade.

Sen máis, agardo que este artigo vos abrise os ollos a todos e quixera ser eu o que o lese e non o que o escribise.



• Noticias relacionadas en: Curiosidades, Foto Denuncia, Novas
Feb
12

Durmir ata fartar

Sono

Este podería ser un bo lema para a xente que traballa e que se ergue moi cedo cada mañá para chegar ó seu posto de traballo, ben sexa polo atasco, polos cativos que hai que mandar á escola, etc. Porén, durmir algo máis da conta sempre se agradece polo descanso que se lle dá ó corpo.

Pero non é así en Inglaterra onde unha nena padece o síndorme de Kleine-Levin que a fai durmir unha morea de horas. Todo comezou despois dunha gripe que padeceu Louisa, a nena que padece dito síntoma. Despois de andar con ela de hospital en hospital, a conclusión foi a desta extraña patoloxía desenvolvida no seu corpo.

A cativa adoita durmir unha media de 22 horas ata que seus pais a espertan para darlle algo de comer, levala ó aseo e logo para a cama de volta outra vez. Afírmase que mesmo chegou a durmir ata 10 días seguidos. O que provoca esta enfermidade son alteracións tanto neurovexetativas como psicopatolóxicas que fan que Louisa non se acorde de nada cando esperta do seu profundo soño.

Penso que isto lle viría ben a alguén do Cabo da Cruz, pero de momento, coas oito ou nove horas recomendadas imos mellor e vivimos bastante máis, se cadra.


• Noticias relacionadas en: Curiosidades, Notas de prensa, Novas