Sigue nuestro Feed RSS   CabodeCruz en Facebook   CabodeCruz en Twitter  
Dec
03

Este sábado estréase a «Boiro Party»

macro party

Cadrando coa ponte da Constitución, a asociación boirense LeñaVerde abrirá as portas do Centro Social de Boiro para dar cabida ós meirandes siareiros da informática no que se vai chamar a «Boiro Party».  Será o primeiro encontro tecnolóxico do Barbanza onde os amantes das computadoras poderán disfrutar de tódalas ventaxas que un evento destas características require.

Haberá conexión aberta a Internet que permitirá descargas sen límite, xogos en rede, charlas e moitas outras cousas máis que farán que pague a pena asistir.

A partires da unha da tarde do sábado estarán as portas abertas deste evento para dar comezo coa inauguración das xornadas. Terá tamén lugar a presentación dos modding, que consiste en presentar os pc’s máis personalizados en canto a deseño e rendemento,  o que sería o equivalente ó tunning dos coches, pero para computadoras.

Xa no domingo poderemos continuar coas actividades que serán en forma de charlas formativas de grande interese para que poidamos aprender un pouco máis sobre os ordenadores, e como aproveitar ó máximo o seu rendemento. Finalmente o luns farase unha xornada adicada á fotografía dixital da que todos poderedes disfrutar.


• Noticias relacionadas en: Cultura, Notas de prensa, Novas
Nov
26

Xa podes ver a colección de Suso Marañas en CaboDeCruz.Net!!!

Un cadro? Unha foto?

Un cadro? Unha foto?

Tras pedirlle permiso ó seu autor, finalmente deunos luz verde para poder publicar as súas fotos nesta web. Dende aquí queremos mostrar o noso agradecemento a Suso Marañas por colaborar cedendo non só material, senón arte en vivo que podedes contemplar a partires de hoxe na nosa Sección de Fotos.

Vin bastantes fotos de Suso, e a verdade é que me xurde a mesma pregunta con frecuencia: ¿Isto fíxoo Suso Marañas?, perdoa Suso, que poña en xaque esta cuestión, pero e que vendo as túas fotos é cando un se dá conta do que é un auténtico crack da fotografía.

Dende CaboDeCruz.Net e penso que a meirande parte do pobo do Cabo da Cruz agarda que sigas así con esta labor, creando arte dende os teus trebellos tecnolóxicos para a nosa vista e que nos deleites con semellantes obras e fotos sacadas cunha chea de variables: a situación, o momento, a cor, a tonalidade, etc.

Non nos queda máis ca mostrarnos perplexos con esta obra que nos facilitaches, e de seguro que tes outras por ahí que son incluso mellores, sen ficar en todo o que che queda por facer aínda no mundo da fotografía.

Ánimo Suso Marañas, segue así!


• Noticias relacionadas en: Cultura, Novas
Nov
20

Suso Marañas. Fotografía no Cabo da Cruz

Suso Marañas

Jesús Mª Torrado Vidal. Por ese nome non é moi coñecido, pero si dicimos Marañas, xa temos moita información sobre esta familia tan coñecida no Cabo da Cruz e seguro polo mundo adiante. Pero se engadimos Suso Marañas, xa temos a clara imaxe desta persoa. Temos unha imaxe case dun home cunha cámara ó lombo. Esa é a principal arma de Suso, a cámara e o seu inmenso arquivo fotográfico.

Suso Marañas

Suso Marañas

Leva xa moito tempo adicado á imaxe. Comezou pola cámara de video, pero aló polo ano 1996 decatouse de que o que máis o satisfacía era botar retratos cunha cámara fotográfica. O empurrón deullo se cadra un amigo que lle mostrou unhas imaxes de Italia, e a partires dahí, o noso home de hoxe molestouse en comezar a indagar un pouco máis neste mundo buscando a mellor luz, a posición, os reflexos, a claridade e tódalas variables que leva consigo unha boa foto.

Suso trata de compaxinar o seu traballo na batea con esta afección que xa lle dou algunha que outra alegría en forma de premio sen dúbida merecido. Os comezos foron no ano noventa e nove cando acadou o segundo premio nun concurso impulsado por «A Unión». Seguidamente o noso fotógrafo decantouse por presentarse ós concursos coa finalidade de darse a coñecer, e se cae algún premiño pois mellor. De feito en Ourense caeron por dúas veces consecutivas premios da localidade de Ribadavia. A revista Folia tamén publicou unha foto súa que serviu como letreiro para as festas de Boiro dese ano concreto. Agora adícase a colaborar con algunha entidade dun xeito desinteresado.

Orgullosos estamos a meirande parte dos crucenses polo que nos aportas e de seguro aportarás nun futuro con respecto a esta forma de arte que tanto gusto dá ver. Dende CaboDeCruz.Net agardamos que sigas así, que mellores no que poidas, que sigas gañando e que nunca esquezas de onde es, e sobor de todo ese apelido que tanto vos definde: Marañas.


• Noticias relacionadas en: Cultura, Novas
Nov
05

O galego da dictadura franquista

Temos a día de hoxe na Casa da Cultura de Boiro unha exposición documental sobre o noso idioma galego nas épocas difíciles da dictadura franquista. Os que se acheguen poderán ver testemuñas textuais e gráficas dos nosos intelectuais, de xente que foi asasinada, represaliada e xulgada naqueles tempos tan só por falar o galego. Esta exposición estará ata o 15 de novembro.

A represión lingüística

A represión lingüística

Polo título de «Crónicas da represión lingüística. Galicia 1936″ coñécese esta recopilación de información que achegou o departamento de Normalización Lingüística da Coruña. As citas dos insignes galeguistas como foron Castelao, Manuel Murguía ou Alfredo Brañas entre outros persoeiros políticos e docentes destacados da época móstrannos a persecución e represión das liberdades inexistentes naqueles tempos. Moitos deles tiveron que irse da súa terra, e os que non tiveron tanta sorte foron asasinados por tan só unha cousa: pensar distinto.

Hai tamén referencias a textos coma Sempre en Galiza de Castelao coma «A dominación de Galiza endexamais será efectiva entrementres fale un idioma diferente do castelán» e relatos coma os do mestre Raimundo Cal, detido durante a represión, ou vivencias contadas por Eva Palmeiro onde nos relata o asasinato do seu avó. Pódense ollar afirmacións da xente que fai corenta anos sinala que: «falar en galego era pasar a estar fichado pola policía». Isto a verdade é que é bastante duro lelo, pois os autores desta páxina, tempo atrás xa estariamos na cadea por facer público un medio de comunicación en galego. Por sorte, os tempos cambian.

Ata dentro de dez días estará toda esta obra, mostra e recollida de datos na Casa da Cultura de Boiro onde poderedes atopar todo iso que se viviu na Galicia daqueles anos en terras coma a nosa, coma no Cabo da Cruz. Unha moi boa lectura sobre todo isto é a novela Coiteladas na alma, de Xosé Plácido Betanzos, a cal xa foi mostrada nesta web, que nos narra a historia dunha familia daqueles tempos contada por un autor que do tema sabe bastante polas crónicas dos seus familiares.


• Noticias relacionadas en: Cultura, Notas de prensa, Novas
Nov
04

Campaña de Normalización Lingüística na Cachada

Colección Megatoxos

Colección Megatoxos

No día de hoxe terá lugar unha campaña pola normalización lingüística dirixida ó estudantado do concello na Casa da Cultura de Boiro. Será toda unha oportunidade para que os alumnos se familiaricen co idioma, coa cultura, e tamén coa arte que supón crear un libro. Agárdase que os alumnos procedentes do Cabo da Cruz se sintan acollidos por estas actividades para fomentar a súa riqueza lingüística e cultural.

Os afortunados serán os alumnos do IES nº1, o instituto da Cachada. A editorial A Nosa Terra é a entidade que promove este evento cunha charla debate entre os estudantes e o autor dun libro da colección Megatoxos. A idea é que o autor lles ilustre ós mozos a maneira de crear un conto, de crear personaxes, de darlles vida, e facer con todo isto a historia final.

O autor verase apoiado polas novas tecnoloxías para facer a exposición das súas ideas, e finalmente os asistentes recibirán un agasallo da colección Megatoxos.


• Noticias relacionadas en: Cultura, Novas