Sigue nuestro Feed RSS   CabodeCruz en Facebook   CabodeCruz en Twitter  
Xan
20

Agamar pide protección para os mariscadores de a pé de Cabo de Cruz

Agamar

Os responsables de Agamar mostraron o seu apoio ás mariscadoras de a pé da confraría de Cabo de Cruz, dado que están sendo «insultadas» polo vicepresidente do pósito. Os feitos xa foron postos en coñecemento da Garda Civil, así coma os danos materiais causados en diversos vehículos das traballadoras. O que a Asociación de Mariscadores de Galiza pide é protección para estas socias.

Por outra banda, José Ramón Yáñez, vicepresidente da entidade mariscadora nega as acusacións de Agamar e sinalou que non insultou a ninguén. Mesmo foi máis aló interpoñendo unha denuncia na Garda Civil polo acoso do persoal de Agamar e por uns danos que uns descoñecidos lle provocaron no seu coche.

A presidenta de Agamar, Natalia Laíño indicou que dende a súa institución poñen tódolos medios precisos para respaldar xudicialmente ós mariscadores. Dende esta asociación fan un chamamento a entidades e organismos públicos (Consellería do Mar, xunta xeral do pósito crucense e forzas de seguridade) para aclarar tódalas responsabilidades que caben no seo da confraría de Cabo de Cruz ante esta situación.

Dado que o problema xa non é de agora, a asociación Agamar insta en protexer ós productores de bivalvo crucenses, xa que o problema deriva das reivindicacións das mariscadoras con respecto ás vixilancias nocturnas nas praias.


• Noticias relacionadas en: Cofradía de Pescadores, Notas de prensa, Novas
Nov
13

A Confraría de Cabo de Cruz impídelles traballar ós mariscadores

MariscadorasEnRibeira

Onte achegáronse un grupo de mariscadores e mariscadoras de Cabo de Cruz á delegación da Consellería do Mar de Ribeira onde a frase máis pronunciada foi: «Xa está armada». Segundo os traballadores, os dirixentes do pósito local, negáronse a deixalos traballar porque segundo eles, hoxe facía mal tempo. Cando «todos e todas fomos mariscar en días con moito peor tempo ca hoxe», afirmaba unha das mariscadoras. Pero isto xa ven duns días atrás nos que varios mariscadores se negaron a facer tarefas de vixilancia nocturna, e foron abalados por AGAMAR, dende a delegación de Boiro.

Primeiramente, os mariscadores non fixeron caso ás indicacións dun portavoz da confraría, pero acto seguido deixaron o marisco no mar e viñéronse para terra por mor de posibles sancións. A cousa non quedou ahí, cando as traballadoras se achegaron a Ribeira para poñer a dita queixa por esta incómoda situación. Estes «únicamente obedecen a represalias por non querer vixiar de noite», subliñaba a xente.

Foi un delegado territorial da Consellería do Mar o que escoitou as queixas das mariscadoras ante o respaldo xa dende fai uns días de Natalia Laíño e de Manuel Maneiro, dirixentes da Asociación Galega de Mariscadores en Boiro. E foi a mesma Natalia a que informou da xuntanza no seo de traballadoras, indicando que «podedes ir a traballar, pois está posto así no plan de explotación. O día de hoxe, aínda que non forades aos areais, computa o mesmo a efectos de permex».

Este permiso de marisqueo, foi pedido por escrito para presentar na Confraría, pero algúns temían que estivese pechada e así non poder tratar o tema aquí en Cabo de Cruz. Pero o que máis incomodou ós productores foi a excusa do pósito para botalos do areal: «había temporal, cando se pode ver que o mar está en calma». O malestar é palpábel no seo de mariscadoras, posto que perder un día de traballo non é unha broma e para máis nestes tempos que corren.

Pero segundo as afirmacións da presidenta de AGAMAR: «Neste caso temos á Xunta da nosa parte, porque o que fixeron non é legal. Os nosos asesores xurídicos van estudar o caso e si é posible, reclamaremos a xornada perdida ante os tribunais». Tralas afirmacións dunha das mariscadoras sobre o tema das vixilancias nocturnas: «eles mesmos denunciaron na prensa que os furtivos eran agresivos». Por último, dirixíndose ó resto de compañeiros díxolles que «O poder téndelo vós, usádeo para o voso proveito».

Unha situación desagradable para todos e todas, posto que cousas que se poden resolver dun xeito cordial e civilizado, non teñen porque «chegar a estes extremos de deixar á xente sen traballar por unha tontería». Estas eran tamén palabras dunha mariscadora que estaba un tanto ofuscada ante tal percal.


• Noticias relacionadas en: Cofradía de Pescadores, Notas de prensa, Novas
Nov
05

Aperturas de expedientes ás mariscadoras que non vixíen

Foto de C. Queijeiro

Foto de C. Queijeiro

«Son bastantes as que se negan a vixiar». Estas eran as palabras de Ermitas Pérez, presidenta da agrupación dos mariscadores de a pé da confraría de Cabo de Cruz. A responsable deste colectivo é taxante en canto ó cumprimento das normas, pois «as que incumpran a normativa, serán sancionadas», xa que «non imos permitir esta situación», afirmaba Ermitas.

Tamén foi esta dirixente a que lle reprochou a Natalia Laíño, presidenta de Agamar que mire «polas súas afiliadas, pois aquí solo ten trinta». Xa que ó parecer as palabras da responsable Laíño non sentaron nada ben no seo da confraría estes días. Segundo Pérez, hai unha mariscadora que leva pouco tempo no pósito crucense que se adica a ir polas casas a recoller firmas e a facer xuntanzas clandestinas no Centro Social de Boiro. Pero aínda así, sinala que de 180 mariscadoras, son só 30 as afiliadas con Agamar.

Sen dúbida, as palabras da vicepatroa da confraría de Cabo de Cruz son moi claras: «Os mariscadores teñen a obriga de facer labores de vixía, de semicultivo e tamén están obrigados a limpar as praias, e todo iso está ademais no réxime interno da agrupación, e todos aqueles que non o cumpran, serán sancionados». E estes «feitos son postos en coñecemento da Consellería do Mar que é a encargada de abrir os expedientes», suliñaba Ermitas.

Nos estatutos da confraría hai unhas normas que indican que «non ir a vixiar a primeira vez, é leve. A segunda é grave e a terceira moi grave, que pode incluír a súa expulsión da agrupación». Polo que as críticas ó grupo de mariscadoras que se negan a vixiar son claras, xa que como Pérez ben di, estas mariscadoras son «xente de ir á praia e encher caldeiros e cobrar as nóminas, pero teñen que saber que hai obrigas que deben cumprir e entre elas están as vixilancias».

A responsable indica que van chegar a onde faga falla para resolver este caso, e que non se descarta a vía xudicial, pois segundo Ermitas: «a lei está da nosa parte, pois é de obrigado cumprimento facer as vixilancias».


• Noticias relacionadas en: Cofradía de Pescadores, Notas de prensa, Novas
Nov
04

O mariscador que non vixie pola noite será multado

Foto de S. Balvís

Foto de S. Balvís

Na confraría de Cabo de Cruz, as cousas non andan ben pola negativa de que un grupo de mariscadores se negan a ter que vixiar as praias polas noites. Os directivos da entidade crucense e algún que outro mariscador están molestos por esta situación e por iso puxeron a cuestión na Agrupación Galega de Mariscadores (Agamar). A súa responsable en Boiro, Natalia Laíño sinala que os traballadores non teñen obriga de vixiar, pero pola contra, Carmelo dixo que «o que non vaia será multado».

A postura conta, segundo Agamar coa oposición da meirande parte dos mariscadores de a pé, a cal «se manifestou nunha decisión soberana adoptada en xuño do 2008 e que, debido á actitude autoritaria e inxustificada de impedir o seu voto suspendendo pola súa propia vontade a sesión do pasado 25 de outubro, non se puido ratificar, tal e como estaba previsto que fora por amplísima maioría».

Malia «unánime desaprobación dos mariscadores, a xunta xeral aprobou un plan ilegal e prexudicial para as mariscadoras ao obrigalas a realizar unha labor, as gardas nocturnas, que supoñen un grave risco e un atentado manifesto á integridade física destas traballadoras, que se atopan absolutamente desprotexidas e pode ser obxecto de ataques violentos polos furtivos, tal e como se vén producindo nos últimos tempos», argumenta Laíño.

A responsable boirense de Agamar afirma que ante a postura «antidemocrática e irrespectuosa do patrón maior e da presidenta dos mariscadores, e que son coñecidas pola Consellaría do Mar, a nosa asociación e as súas afiliadas neste pósito, iniciará todas as accións legais de presión, administrativas e xudiciais para imposibilitar que se consume unha decisión tan disparatada e abusiva por parte da xunta xeral, promovida polo patrón maior e a presidenta do colectivo, en contra dos dereitos fundamentais dos mariscadores de a pé, os cales non contan con ningún tipo de titulación ou preparación para facer fronte a tales riscos extremos», explica Natalia.

Para a directiva de Agamar, as tarefas de vixilancia nos areais, teñen que ser asumidas únicamente polas forzas de seguridade do Estado, empresas de seguridade privada ou ben por persoal de seguridade habilitado para tales fins. Contratado sempre polas propias confrarías e subvencionados pola Consellaría do Mar.

As reprimendas de Agamar e do grupo de mariscadores que se opoñen a vixiar, non lle preocupan nin o máis mínimo ó patrón maior, Carmelo Vidal e neste sentido, o responsable da confraría de Cabo de Cruz teno claro: «O que non queira ir, que non vaia», pero o que se quede na casa terá que «pagar as sancións correspondentes», sinalou o patrón maior da entidade.


• Noticias relacionadas en: Cofradía de Pescadores, Notas de prensa, Novas
Out
08

Os furtivos das praias non descansan nin no inverno

b8c10f1

Segundo as afirmacións na época estival do patrón maior da Confraría de Cabo de Cruz, o marisco que se sacou de xeito ilegal dos areais boirenses foi de ducias de toneladas. As cifras son alarmantes, pero o problema perdura no tempo malia a chegada da época de choivas e frío.

No verán, as praias estaban vixiadas polo día e pola noite, tanto polo persoal de vixilancia da Confraría coma polos mariscadores de a pé que facían gardas entre os bañistas. Segundo Vidal, patrón maior, foron moitas as neveiras que saíron das praias cheas de marisco para que entre bañistas e furtivos mesturados entre eles fixesen o seu propio agosto.

As pesquisas indican que os ilegais son uns profesionais, xa que veñen equipados con todo tipo de utensilios para a extracción do marisco e tamén para controlar ós vixilantes. A parte disto veñen xa cos propios rastros e tamén coa arte do can, prohibida na súa totalidade dende fai tempo no seo da ría da Arousa.

Carmelo mesmo sinala que se poden chegar a perder nunha noite ó pé duns cinco centos quilos de marisco por culpa de quen acude á praia a faenar sen permiso. Pero isto é algo tan real coma a crise pola que pasa o sector marisqueiro e financieiro polo que o número de ilegais aumentou considerablemente co paso destes últimos anos.

Tamén entre o servizo de GardaCostas e tamén dende a mesma Garda Civil, encárganse de sacar da praia ós máis espelidos e renegados á hora de devolver o marisco ó mar e abandonar o que todos consideramos unha infracción. Segundo fontes da propia Confraría, as labores de vixilancia vanse a incrementar e seguir así no que queda de ano, pois as perdas de marisco repercuten directamente sobre os petos dos traballadores.


• Noticias relacionadas en: Cofradía de Pescadores, Novas
Abr
09

Descenso nas colleitas de marisco no Cabo da Cruz

Foto de C. QUEIJEIRO

Foto de C. QUEIJEIRO

Esta foi unha mala tempada para os mariscadores do Cabo da Cruz pola baixa nas colleitas de bivalvo con respecto ó ano pasado. Pasaron este ano ó pé dunhas 276 toneladas frente ás 319 do ano pasado.

Toda a xente do mar é consciente das perdas deste ano, pois as 43 toneladas de menos que se colleron este ano fixéronse notar moito nos petos dos mariscadores e tamén na economía local. Nesta campaña obtívose unha facturación duns 2,6 millóns de euros, cando o ano pasado superáronse ben os 3 millóns. Estamos a falar de cantidades importantes que inciden directamente nas vidas da xente que se adica a esta actividade.

Os dirixentes da Confraría achacaron estas perdas a dous principais factores: o furtivismo e tamén o mal tempo que fixo que moito marisco morrese.

O patrón maior, Carmelo, indicou que os bañistas este ano tocaron bastante as praias para levarse unha boa tandada de marisco que a xente do Cabo da Cruz sementa para a súa posterior colleita. Sinalou tamén ás bandas que organizadamente extraen o marisco das praias burlando así a presencia dos vixilantes. Pero matiza que ultimamente o furtivismo descendeu pola presenza do persoal da Xunta de Galicia nas nosas praias.

Os temporais deste inverno tamén foron un bo pau para a materia prima das praias. O patrón comentou que na desemboradura do río Coroño morreu unha chea de marisco, concretamente de berberecho e ameixa babosa debido ás grandes cantidades de auga doce que chegou ó mar.

Finalmente o balance deste ano foi claramente negativo, pero as esperanzas para o ano que ven sempre son maiores, pois isto tense que convertir nun medio de vida seguro e productivo para as familias do Cabo da Cruz. O esmero e adicación da nosa xente de seguro vai facer que este traballo sexa un punto fundamental da nosa economía.


• Noticias relacionadas en: Cofradía de Pescadores, Notas de prensa, Novas
Feb
13

En abril xa se poderá mariscar o longueirón nas praias do Cabo da Cruz

longueiron

O longueirón. Un producto un tanto descoñecido nos locais hostaleiros da zona, é un aliciente á nosa gastronomía polo seu parecido razoable coa famosa navalla. Son similares, tan só que a navalla ten unha forma curva e o longueirón é recto. Porén, a entidade mariscadora do Cabo da Cruz chegou á decisión de que a campaña de recollida desta especie comece no mes de abril.

Segundo as aclaracións de Carmelo, o noso patrón maior, a recollida do bivalvo fai que os mariscadores saquen así un pequeno soldo a maiores, enrriba do soldo obtido pola recollida da ameixa. Tamén indicou que a campaña pasada tivo éxito, pois chegou a venderse a uns 3 € o quilo e púidoselle sacar a rendabilidade debida.

Esta especie recóllese, segundo o patrón, para preservar así os bancos de ameixas, pois antes a xente podía ir á praia e recoller o longueirón libremente. Namentres que agora, a súa captura está só indicada para o persoal da confraría.

Os mariscadores (que non son moitos) que se adican a extraer este marisco, fano con sal, xa que coa espita temen rompelo e que despois non lles sirva para a súa posterior venda e facer así deste producto un novo medio de explotación dos nosos areais.


• Noticias relacionadas en: Cofradía de Pescadores, Notas de prensa, Novas
Out
27

Rosa Quintana apoia unha lonxa a nivel comarcal

Rosa_Quintana

Trala visita de onte ó Cabo da Cruz da conselleira do mar, hai que sacar conclusións da súa visita ós pósitos que avalan á nosa xente que vive do mar. Tralas xuntanzas cos distintos persoeiros e patróns maiores das confrarías, Rosa quixo recalcar nos principais problemas que ten o sector na actualidade.

En canto ó furtivismo sinalou que a consellería xa ten posto en marcha un plan de actuación co que aínda non está contenta a pesares de que o nivel de roubos nas praias descendeu como afirmou algún patrón maior. A conselleira tamén fixo un chamamento á opinión pública para que a xente non lles compre ós furtivos, e que se vaian a mercar ós lugares autorizados para as ventas. Deste xeito preténdese erradicar este problema dende a súa raíz.

Recoñecéronse tamén as caídas dos prezos que está a sufrir o sector nos últimos tempos e que para iso plantéxase a posta en marcha dunha confraría a nivel comarcal para así tentar de sufragar un pouco este barco á deriva. Esta xa era unha vella iniciativa das confrarías do Barbanza que volta a tomar auxe nos tempos presentes. Quintana mostrouse leda con esta idea de por un único punto de venda do bivalvo na comarca.

Ainda que hai unha confraría que non está dacordo coa expansión do sector, a conselleira afirma que non se pode obrigar a ninguén a facelo, pero que os que así o desexen poidan seguir adiante co plan.

Estas medidas son positivas e alentadoras para a nosa vila, aínda que os feitos estean por chegar.


• Noticias relacionadas en: Cofradía de Pescadores, Notas de prensa, Novas
Out
25

Rosa Quintana xúntase coas confrarías da comarca

Rosa_Quintana

No día de mañá, a Conselleira do Mar da Xunta de Galicia fará unha visita ás distintas confrarías da comarca, e entre as que estará a do Cabo da Cruz. Virá para coñecer de primeira man os principais problemas dos sectores da comarca e así ter constancia do que acontece nos nosos portos e lonxas.

Comezará a súa visita na confraría de Palmeira, logo a Pobra, Cabo da Cruz e finalmente Rianxo. Irá acompañada do seu gabinete, e agárdase que sexa recibida polos patróns maiores e polas directivas dos pósitos visitados.


• Noticias relacionadas en: Cofradía de Pescadores, Novas
Out
22

Reducción nos topes marisqueiros no Cabo da Cruz

mariscadoras

Como moitos xa sabemos, na época do verán producíronse sitaucións nada favorables para a xente que vive da praia, do marisqueo concretamente. Estamos falando dos roubos do marisco por parte dos amigos do alleo. Estes amigos actúan en forma de furtivos, de grupos organizados e mesmo de bañistas que se agochan entre a multitude para encher os bolsillos de berberechos e ameixas. Parte do marisco sementado no seu tempo para a posterior colleita foi saqueado das praias sen que isto levase o proceso e destino polo que foi sementado.

A directiva da Confraría do Cabo da Cruz sinala que houbo xente que coas cantidades de marisco extraído da praia chegou a pagar o piso, xa que a retirada de miles de quilos de bivalvo foi crucial para que a día de hoxe os mariscadores vexan mermados os seus topes de capturas, conlevando isto a unhas perdas en parte agardadas.

As perspectivas antes da época estival eran bastante boas, pois as praias prometían abundantes colleitas, xa que o marisco que había antes do verán era suficiente para facer o que se lle chama un bo agosto. Posteriormente, o agosto parece ser que o fixeron os furtivos e os bañistas que sacaron grandes cantidades de marisco das praias.

Ermitas Pérez, a presidenta dos mariscadore de a pé afirmou que as grandes cantidades extraídas das praias non permiten a incorporación de novos mariscadores que serían novos postos de traballo debido a que o marisco non chega para todos. As perdas destes acontecementos son elevadas, xa que a pesares do marisco extraído hai que sumarlle agora a reducción de quilos nas colleitas diarias que fan as nosas xentes que viven do mar.

De toda a ría da Arousa, a entidade crucense é a que máis invirte en seguridade e vixilancia das nosas praias, pois os niveis de furtivismo acadados na última tempada requiren de todo isto e máis para que as extraccións e roubos de marisco sexan despreciables ou nulas. No obstante a actividade segue, a pesares das distintas e difíciles situacións que acontecen na vila.


• Noticias relacionadas en: Cofradía de Pescadores, Novas