A Xunta de Galicia pretende suprimir os GRUMIR de Boiro e Ribeira

“Se aínda facían falla efectivos estando este tipo de traballadores en activo, qué sería de nós con tan só unhas cuadrillas da Xunta sen experiencia e con medios precarios?” Estas foron as palabras cando lle preguntamos a J.S.F. un veciño de Cabo de Cruz, pola desaparición deste efectivo. E que as cifras cantan por si solas se analizamos o problema enriba da mesa: máis dun cento de intervencións en incendios forestais entre Boiro e Ribeira, 22 intervencións en accidentes de tráfico tan só en Boiro, etc.
Estas son unhas cifras claras e clave para que o goberno da actual Xunta de Galicia pense só unha vez máis o que suporía suprimir este servizo que vai quedar orfo no que os cidadáns quedaremos bastante máis desprotexidos. Pero non só de lumes e accidentes se trata a cousa. En diversas festas e romerías, en rescates, en limpar as desfeitas dos temporais (non hai máis ca botar un ollo á prensa deste inverno), etc. Nunha morea de cousas fixeron e fan falla estes medios, xa que de non ser así, quén fará este tipo de traballos?
Dende esta entidade queremos apoiar ó goberno local para que se conserven este tipo de efectivos, xa que nun concello coma o de Boiro, co parque de bombeiros non é suficiente. Habería que aclarar que a finalidade dos bombeiros e do GRUMIR, non é a mesma, malia que poidan coincidir nalgúns casos. Non imos a mandar ós bombeiros a apagar un lume no medio do monte, non imos a mandar ós bombeiros a tratar de organizar un pouco a romería de San Ramón (aínda recente), non imos a mandar ós bombeiros a un accidente (a non ser que sexa grave e haxa risco de incendio ou que excarcelar).
En fin, unha morea de servizos e postos de traballo que a Xunta actual quer liquidar dun plumazo e deixarnos a todos “a pan pedir“, xa que hai algo que funciona e que fai falla e unha vez máis, son os nosos dirixentes os que nos sacan o pouco que temos ou que podemos ter.










